45 persoas morreron este ano en sinistro laboral, 150% máis

A Galiza atópase á cabeza nos índices de mortalidade nos centros de traballo. Desta forma, o territorio galego ten un índice de 0,658 na incidencia de sinistros laborais mortais, o máis alto a nivel estatal, superando amplamente o dobre da cifra experimentada no conxunto do Estado español, que se situou no período en 0,277.
Durante o ano 2021, 53 persoas traballadoras morreron por accidente laboral na Galiza (Foto: Europa Press).
photo_camera Durante o ano 2021, 53 persoas traballadoras morreron por accidente laboral na Galiza (Foto: Europa Press).

Nos seis primeiros meses de 2022, segundo os datos do Ministerio de Traballo, a Galiza rexistrou un total de 13.968 sinistros, incluídos os in itinere (os que sofre o persoal laboral no traxecto entre o domicilio e o lugar de traballo ou viceversa), o que supón un incremento de 24,6% en relación a hai un ano.

Destes accidentes, 13.710 foron leves; 213 graves; e 45 resultaron mortais, un 150% máis que nos seis primeiros meses de 2021. Así, a Galiza está á cabeza do Estado no índice de incidencia de sinistros laborais mortais, de 0,659 puntos, máis que duplicando a marca estatal, de 0,277.

Nos seis primeiros meses do ano a industria manufactureira foi a que máis accidentes rexistrou, 3.043; seguida da construción, con 2.043; comercio e reparación de vehículos, con 1.562; e actividades administrativas e servizos auxiliares, con 1.232. Todas estas actividades por enriba dos 1.000 sinistros laborais rexistrados.

Por sectores de actividade, a construción é o sector que rexistra un maior índice de incidencia, de 432,3; seguido da industria, 379,3; do agrogandeiro, 311; e do servizos, 145,2.

No ano 2021 rexistráronse, segundo os datos publicados polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral da Galiza (Issga), 26.402 accidentes laborais no territorio galego, o que supón un incremento de 18,3% en relación ao ano anterior, cando se contabilizaban 22.318 accidentes laborais.

Deste total, 25.939 foron sinistros de carácter leve, 415 graves e 48 mortais. A isto hai que sumarlle os accidentes in itinere, un total de 2.589 no 2021, un 17,2% máis que no 2020. Destes, 2.544 foron leves, 40 graves e 5 mortais.

Por sectores (excluíndo os in itinere), servizos é o que máis sinistros rexistrou, 13.430; seguido de industria, 6.689; da construción, 4.205; do agrogandeiro, 1.337; e de pesca, 741. En todos eles deuse un aumento en relación ao ano previo, excepto na pesca.

Dentro dos accidentes laborais mortais en xornada (excluíndo os in itinere), 25 producíronse por infartos e outras patoloxías non traumáticas. A segunda causa de morte, con nove persoas falecidas, foron as caídas ou golpes con esmagamentos contra obxectos inmóbeis. Seis mortes foron ben por amputacións ou atrapamentos na manipulación da maquinaria. Cinco por choques ou golpes contra obxectos en movemento. Finalmente, produciuse unha morte por contacto con corrente eléctrica, lume ou substancias perigosas e outro falecemento por afogamentos ou enterramentos.

En canto ao índice de incidencia, que sinala o número de accidentes por cada 100.000 persoas traballadoras, na Galiza este foi no 2021 de 2.630,95,  16,36% máis elevado que o ano anterior. Este índice, no caso dos sinistros mortais, situouse en 4,78. Por outra parte, os accidentes de traballo rexistrados, nos que non foi necesaria a baixa, foron 14.627 no ano 2021 segundo o Issga.

Reaccións dos sindicatos

José Luís Fernández Celís, secretario de Organización de UXT, sinalou esta sexta feira nun comunicado a necesidade de "atallar xa os accidentes laborais" pois "as estatísticas non deixan lugar a dúbidas, esta segue a ser unha das grandes lacras do mercado laboral na Galiza".

"É evidente que algo está a fallar, polo que urxe extremar a vixilancia para que se cumpra a lei", afirmou Fernández Celís, que tamén demandou políticas que "busquen a redución da incidencia dos riscos psicosociais entre a poboación traballadora, xa que tanto os infartos como os derrames cerebrais son patoloxías asociadas a este tipo de riscos laborais".

En declaracións a Nós Diario, o director do Gabinete técnico de Saúde Laboral da CIG, Fernando Sabio, indicou que a Galiza "leva xa bastantes anos estando entre os tres territorios do Estado español cunha maior incidencia de accidentes laborais graves ou mortais", incluso nalgunhas anualidades, explica, "chegamos a duplicar o seguinte territorio con cifras máis altas de accidentes mortais".

Para Sabio, isto débese "a unha cuestión estrutural histórica que vén dada non só polas características do noso tecido produtivo senón que ademais hai unha política de inanición orzamentaria e de actuación política por parte do Goberno do PP na Xunta da Galiza en materia de prevención que non lle da ningunha importancia a dita cuestión."

Así, afirmou o representante de CIG, "os orzamentos que se empregan e as accións proactivas que se realizan para evitar os sinistros son de baixa intensidade" e en consecuencia "as empresas teñen un baixo perfil de cumprimento en prevención de riscos laborais e de non integración desta prevención nas súas políticas de traballo".

En conversa con este xornal, Armando Iglesias, responsábel de Saúde Laboral e Acción Sindical de CCOO, lembrou que, "se ben é certo que o accidente do Vila de Pitanxo tivo moito que ver neste índice", o dato sen este accidente   tamén "estaría por riba da cifra do ano pasado".

Para Iglesias, as empresas "están nunha situación de máxima competitividade e mínimo investimento en recursos de prevención", algo que "repercute directamente na sinistralidade".

Ademais destacou que naquelas empresas "onde non hai representación sindical é sinxelo que non se controlen as medidas preventivas", ao tempo que demandou "sancións exemplarizantes para que non se repitan estes alarmantes datos".

Comentarios