Falece un operario nun accidente laboral na Estrada

Un home de 43 anos faleceu na mañá da sexta feira tras caerlle un pau enriba cando traballaba nun monte do concello da Estrada.

Igrexa da parroquia de Tabeirós, na Estrada. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Igrexa da parroquia de Tabeirós, na Estrada.

Máis un accidente laboral mortal na Galiza. Desta vez, na Estrada, onde un operario faleceu na mañá da quinta feira após caerlle enriba un pau cando traballaba no monte.

Segundo o 112, o home traballaba xunto con outros compañeiros nunha zona de monte da parroquia de Tabeirós cando o golpeou un grande anaco de madeira.

Así o contaron as persoas que estaban coa vítima e que chamaron o 112 Galiza para pediren asistencia médica urxente debido ao “estado preocupante no que se atopaba o operario”.

Foi entón cando o 112 avisou ás Urxencias Sanitarias do 061, que decidiron mobilizaron o helicóptero medicalizado con base en Compostela, mais a operación, finalmente, anulouse polo falecemento do traballador.

Galiza, á cabeza da incidencia

Galiza continúa á cabeza en índice de incidencia en sinistros laborais mortais, ao practicamente duplicar as cifras do conxunto estatal. Así, mentres no Estado a incidencia é de 3,24 sinistros mortais por cada 100.000 traballadores, na Galiza a cifra ascende a 6,05.

A incidencia aumentou á volta do confinamento á "nova normalidade".

Entre as causas desta elevada sinistralidade desde a CIG apuntan a un crecemento de persoal procedente das empresas de traballo temporal (ETT) e ao aumento de servizos externalizados "como as empresas multiservizos, falsas autónomas ou Centros Especiais de Emprego que se caracterizan por salarios de miseria, xornadas desreguladas, horas extras non retribuídas e falta total de dereitos laborais".

Comentarios