As empresas apúntanse ao teletraballo presionadas pola situación de alarma

A aprobación do estado de alarma en todo o Estado español puxo en primeira liña do ámbito laboral a posibilidade de implementar o teletraballo en numerosas empresas. Máis alá da imposibilidade de que se realice nalgúns sectores, a súa introdución non está exenta de dificultades.
Espazo de teletraballo nunha vivenda particular en Compostela (Nós Diario)
photo_camera Espazo de teletraballo nunha vivenda particular en Compostela (Nós Diario)

A obriga por parte de numerosas empresas de acollerse a esta nova situación non está a ser doada nin na propia administración. A Xunta da Galiza admite que xa hai 6.000 traballadoras e traballadores da administración que están neste sistema sempre que conten cos medios para facelo efectivo.

A normativa estatal para teletraballar atopámola recollida no artigo 13 do Estatuto das Traballadoras e é de obrigado cumprimento. A lei determina, entre outras cousas, que a propia traballadora escollerá o seu lugar de emprego e sempre como modo alternativo ao desenvolvemento presencial. A empresa ten a obriga de estabelecer por escrito esta relación contractual mantendo as traballadoras os mesmos dereitos que as que presten os seu servizos no centro de traballo. Tamén é a empresa quen ten que estabelecer os medios necesarios para formar a traballadora e favorecer a súa promoción profesional. O apartado que queda en moitas ocasións sen control é o relativo a que a empresa ten que coidar de que a traballadora teña unha axeitada protección en materia de seguridade e saúde segundo a normativa de riscos laborais. Por último este sistema de traballo non pode impedir contar cos dereitos de representación colectiva.

Reticencias das empresas até última hora

A posibilidade de teletraballo naquelas empresas en que non sería complicado a súa instalación tardou en chegar mesmo en sectores onde debería contarse con el desde o primeiro momento. É o caso dos centros de chamadas, cun volume de persoal moi elevado, que agora comezan a súa instauración. "Tarde e mal", segundo sinala a Nós Diario Patricia Cordo da CIG. Algunhas mesmo tiñan parte do seu cadro de persoal con este sistema aínda que "unha gran maioría comeza agora, após as protestas por non contar co espazo de seguridade nin con medidas de desinfección", asegura, "estamos a monte, sen ningún tipo de medidas de prevención", engade. Esta sindicalista relata que algunhas empresas nin respectan a normativa cando inician a mudanza para traballar a distancia. "Dan a asinar contratos con cláusulas abusivas cando entregan os equipos", comenta. Nelas indican que a traballadora tería que indemnizar á empresa se hai algún tipo de filtración de información. "Nos domicilios non temos as medidas de seguridade dunha empresa", explica Cordo.

No sector das Teconoloxías da Información e a Comunicación (TIC) a presenza do teletraballo é de 70% segundo informa Álex Espinosa, responsábel desta área na CIG. Aínda así, moitas agardaron a esta mesma semana para trasladar o traballo ás casas do seu persoal. "Temos o caso de Altia Compostela que se resistía como moitas das empresas que traballan na Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega)", asegura este sindicalista. Grandes empresas, como o caso de Indra, mesmo obrigaron ao seu persoal a mercar material para traballar "ou vir de maneira presencial ao centro de traballo", asegura Espinosa.

Difícil teletraballar

Lidia teletraballa desde hai dous anos para unha empresa da Coruña e recoñece que a situación actual non lle afecta "máis alá da propia circunstancia de non poder saír da casa". Trátase de organizarse e contar cun espazo propio aínda que compartido, no seu caso con dúas crianzas. Conta con material que lle proporcionaron ao inicio e xestiona o seu horario. Nos centros de chamadas a situación é diferente. "Non hai rexistros de xornada máis alá de que quede constancia de acender o computador e conectarse ás aplicacións, non hai garantía de desconexión dixital e non hai avaliación de riscos", asegura Patricia Cordo. E non todo é o material. "Asinamos un documento que di como ten que ser a cadeira, o tipo de luz, mais ao final estás na túa casa e a empresa non pon todos eses medios", relata.

Comentarios