A nova plataforma dixital da Amtega chega ás primeiras 14 lonxas galegas

A nova ferramenta integra os sistemas de xestión, comercialización e venda nas rulas galegas.
Lonxa_do_porto_pesqueiro_de_Vigo
photo_camera Lonxa_do_porto_pesqueiro_de_Vigo

As lonxas da Coruña, A Guarda, A Pobra, Aldán, Arcade, Baiona, Barallobre, Camariñas, Cariño, Ferrol, Fisterra, Mugardos, Porto do Son, Vilaxoán e Vilaboa xa poden presumir de entrar no século XXI. A Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galiza (Amtega) e a Consellaría do Mar veñen de dotalas da plataforma tecnolóxica única que integra os sistemas de xestión, poxa, comercialización e emisión de notas de venda, unha iniciativa que forma parte do programa Primare Lonxas 4.0 para a dixitalización das rulas.

 O novo sistema, que se estenderá ao resto de lonxas en 2020 e incorporará novas funcionalidades, permite obter información de xeito automático da identificación, clasificación e pesada das capturas descargadas na lonxa para a súa poxa nas distintas modalidades e emitir os documentos relacionados coa comercialización dos produtos. Isto facilítalles a tramitación da contabilidade, da facturación, do pago de impostos coas distintas Administracións e a xestión social da entidade (censo, información de interese, etc)

Mellora da conectividade

A dixitalización das lonxas comprende tamén a mellora da conectividade ás redes de comunicacións, para o que se están a instalar liñas de altas capacidades cunha segunda liña de respaldo, ao que hai que sumar o equipamento de comunicacións necesario, incluíndo a conectividade sen fíos (wifi) nas canchas de poxa, para que as compradoras poidan conectarse nos procesos de venda.

O obxectivo da iniciativa é mellorar a trazabilidade, eficiencia e integración da información nas lonxas, un aspecto fundamental, tendo en conta que Galiza é destino de 70% do que chega ás lonxas do Estado español e 10% da que se desembarca na Unión Europea.

Comentarios