O emprego no sector eólico galego queda reducido á construción de novos parques

A deslocalización de empresas condena a industria eólica no país.
Operario dunha empresa auxiliar que traballa para Endesa na Galiza. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Operario dunha empresa auxiliar que traballa para Endesa na Galiza. (Foto: Nós Diario)

A Asociación Eólica de Galicia (EGA) advirte da perda de 1.500 postos de traballo nos últimos dous anos no sector eólico como consecuencia do freo á construción de novos parques de muíños no país.

Este dato, que forma parte dun estudo que a patronal eólica está a rematar e que espera presentar nos próximos días, deixa en evidencia a forte dependencia que o sector ten dos proxectos que se desenvolven na Galiza e o escaso peso da industria, outrora protagonista da xeración de emprego de calidade no país.

"Imos camiño de tres anos en que apenas se construíu nada. A única forma de conseguir enerxía barata é implantando máis parques eólicos. Ao comezo deste século fomos os primeiros de España, os segundos de Europa e os sextos do mundo, pero hoxe quedamos atrás", di a patronal nun comunicado.

Esa perda de protagonismo débese en gran medida ao fechamento de empresas como LM Composites nas Pontes, ou Vestas en Viveiro, ao que se suma a deslocalización doutras, como aconteceu con Siemens-Gamesa, que preferiu apostar pola planta de Vagos (Portugal) antes que pola das Somozas.

Esas empresas caracterizábanse non só por traballar para os novos parques que se levantaron na Galiza nas décadas que estiveron operativas, senón tamén por exportar parte da produción, valorada no mercado pola alta cualificación das profesionais que traballaban no sector e que quedaron sen emprego após estes fechamentos.

Construción parada

Desde EGA calculan que para manter o ritmo de empregos e investimento na Galiza, fundamentalmente na industria auxiliar, é precisa a instalación de entre 400 e 500 megawatts eólicos ao ano, o que suporía sobrecargar a paisaxe galega e seguir inzando os montes do país de muíños para a produción de enerxía eléctrica que despois se consume noutras partes do Estado español.

Porén, a Organización para o Cooperación e Desenvolvemento Económico (OCDE) sinalaba no seu informe de 2012 que a xeración de enerxía renovábel "é unha actividade altamente intensiva en capital, polo que o emprego directo que crea e o multiplicador asociado é moi baixo", unha idea que apoia o informe sobre o impacto do sector na Galiza de 2020 da propia patronal, elaborado pola consultora Deloitte, que recoñece que "un megavatio de potencia xera 3,7 empregos durante a fase de construción e 0,2 empregos en actividades de operación e mantemento" na súa explotación.

Estes datos certifican que a eólica xera postos de traballo no momento da construción dos parques e xa non unha vez fican operativos. Aliás, moitos deses empregos anunciados polas enerxéticas referidos á construcIón de parques están no ar ao querer asentar estas instalaciósn en espazos de riqueza ambiental e perto de vivendas, o que está a xerar oposición entre a veciñanza e movementos sociais que reivindican unha planificación ordenada e sostíbel da eólica.

Por outra parte, Navantia e Windar afiánzanse como referentes na eólica mariña e demostran que o sector pode xerar emprego na construción de aeroxeradores sen ter que instalalos na costa galeg

Comentarios