A patronal eólica láiase da perda de "máis de 1.500 postos de traballo nos dous últimos anos"

A Asociación Eólica da Galiza condena a "demonización" dos parques eólicos e defende que producen unha "enerxía verde".
Eólica Así Non nunha protesta o pasado mes de decembro na serra do Suído.
photo_camera Eólica Así Non nunha protesta o pasado mes de decembro na serra do Suído.

A Asociación Eólica da Galiza vén de denunciar que se perderon "máis de 1.500 postos de traballo nos dous últimos anos" debido á "freada que sofre o sector".

Con motivo do Día do Medio Ambiente que se celebra este domingo, a entidade adiantou este dato que extrae do estudo de impacto do sector na Galiza que, avanza, féchase nestes días e, proximamente, será presentado á sociedade.

Nun comunicado, a asociación argumenta que esta "freada" é "unha consecuencia lóxica do bienio pandémico", así como de "a moratoria decretada pola Xunta ata o verán de 2023".

Neste sentido, criticou que esta suspensión obriga a deter a actividade cando, ao seu xuízo, "a Galiza e España máis necesitan avanzar no desenvolvemento de enerxías renovábeis". "Imos camiño de tres anos nos que apenas se construíu nada", lamentou.

"Demonización" da enerxía eólica

Ademais, expresou que o sector "non entende o ruído social" que, asegura, se xerou "demonizando" a enerxía eólica, e defende que se trata "dunha fonte limpa e autóctona que evita cinco millóns de toneladas de CO2 cada ano".

Por iso, a asociación reivindica que celebra "con orgullo" o Día do Medio Ambiente porque o sector xera "enerxía verde" e contribúe "ao desenvolvemento de economías rurais" ao implantar os parques eólicos en "áreas de baixa densidade de poboación e compatíbeis con usos agropecuarios e forestais".

Trátase dunha fonte limpa e autóctona que evita cinco millóns de toneladas de CO2 cada ano

Ademais, insistiu en que non teñen ningún conflito "no centenar de municipios" onde se instalaron, "salvo algunha excepción" e asegurou que os propietarios das terras "non queren" que abandonen o lugar debido "aos beneficios" que, sinala, obteñen coa súa presenza.

Manifestación en Compostela

Con motivo do Día do medio Ambiente, máis de 200 colectivos en defensa do medio natural convocaron este domingo unha en Santiago para reclamar un novo modelo para a enerxía eólica, lonxe da especulación privada e contra o impacto das instalacións na actividade agrogandeira e forestal.

Comentarios