venres 15/10/21

O desemprego cae en xuño na Galiza en 7.588 persoas, sen contar as afectadas por un ERTE

O número de desempregadas e desempregados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem) baixou en 7.588 en xuño en relación con maio, un 4,59%, por encima da media estatal (-4,4%), até situar o total en 157.718, segundo os datos que publica esta sexta feira o Ministerio de Traballo e Economía Social.

Oficina de emprego, paro foto de arxina
Oficina de emprego en Compostela (Imaxe: Arxina).

En relación con xuño de 2020, son 26.936 persoas menos no desemprego, o que supón un descenso do 14,59%, que máis que duplica a diminución da media (-6,43%).

Por actividade económica, as 7.588 persoas menos en paro en xuño na Galiza distribúense entre as reducións que experimentaron agricultura (-264), industria (-717), construción (-439) e servizos (-6.249). Pola contra, subiu en 81 persoas o colectivo sen emprego anterior.

En canto ao paro entre persoas estranxeiras, que afecta 10.860 persoas na Galiza, son 636 menos que o mes anterior (-5,53%) e 1.530 menos que o mesmo período do ano anterior (-12,35%).

Pola súa banda, os demandantes de emprego alcanzan os 215.772, deles 28.973 ocupados -persoas con emprego remunerado ou que exercen unha actividade independente e se atopan traballando-, 16.661 que indicaron na súa solicitude condicións especiais de traballo e 170.138 non ocupados. Estes últimos son 7.573 menos que en maio (-4,26) e 27.104 menos que en xuño de 2020 (-13,74%).

Contratos

En canto aos contratos, 85.964, son 19.431 máis que en maio (+29,21%) e 31.550 máis que en xuño do ano pasado (+57,98%). Os indefinidos, 7.406, son 1.021 máis que en maio (+15,99%); mentres que os 78.558 temporais son 18.410 máis (+30,61%).

No acumulado na Galiza, son 389.776 contratos, deles 42.338 indefinidos (o 10,86%) e 347.438 temporais (o 89,14%).

Prestacións

Por último, as prestacións, con cifras correspondentes a maio (sempre levan un mes de atraso respecto das do paro), chegaron a 97.903 beneficiarios na Galiza.

O gasto ascendeu a case 106,57 millóns, mentres a contía media da prestación contributiva percibida por beneficiario situouse en 833,2 euros.

Datos estatais

No conxunto estatal, a baixada en 166.911 persoas en xuño (-4,4%) é o seu maior retroceso en calquera mes desde que hai rexistros. Ademais, é o segundo mes consecutivo no que o paro rexistra marca de descensos. En maio experimentouse a maior caída da serie, de 129.378 persoas, pero xuño superou esta cifra, ao achegarse a unha redución de 167.000 persoas.

Co descenso do paro en xuño, o volume total de desempregadas e desempregados alcanzou ao finalizar o sexto mes do ano a cifra de 3.614.339, a máis baixa desde marzo de 2020, cando chegou a pandemia da covid.

O dato de paro de xuño, do mesmo xeito que ocorreu nos meses anteriores, non inclúe os traballadores e traballadoras que se atopan en suspensión de emprego ou redución horaria como consecuencia dun expediente de regulación temporal de emprego (ERTE).

comentarios