O paro de longa duración, a oitava cidade da Galiza

Catro de cada 10 desempregados na Galiza levan máis dun ano nesa situación: 61.400 persoas.

Mural sobre o desemprego (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Mural sobre o desemprego (Imaxe: Nós Diario)

O primeiro trimestre de ano rexistraba na Galiza un total de 158.300 persoas en desemprego, seguindo os dados da EPA, das cales o 40% estaban en paro de longa duración (PLD): 61.400. Catro de cada dez persoas no paro na Galiza levan nesta situación máis de 12 meses.

Se todas vivisen na mesma vila, esas 61.400 persoas conformarían a oitava cidade da Galiza e moi perto de superar a sétima, Ferrol, que ten 66.000 habitantes.

Quen conforma ese grupo de persoas que procura emprego e leva máis de 12 meses sen atopalo? A inmensa maioría (56.000 deses 61.000) xa traballaron antes de estar no paro. Non son, pois, demandantes do primeiro emprego. Son persoas que tiveron un emprego que xa non teñen e que andan na procura de traballo mais acumulan máis dun ano sen atopalo.

Nesta situación hai máis mulleres (34.700) ca homes (26.600), máis unha mostra de como no mercado laboral situacións como a do paro, precariedade ou temporalidade afectan máis ás mulleres.

Idades

Por idades, esta situación de PLD dáse en todas as franxas. E case coa mesma proporción, en torno ao 25% cada unha. Onde o desemprego de longa duración deixa máis pegada é entre aqueles maiores de 55 anos: 16.600 de 61.400, o que supón o 27%.

A seguir están os que teñen entre 45 4 54 anos, onde hai 16.300 persoas que levan máis dun ano na procura de traballo e sen o atopar: 26,%% de todos os que están en LPD.

Entre 16 e 34 anos hai 14.900 parados e paradas de longa duración, 24,2%; e de 35 a 44, 13.500; o que supón 22%.

Formación

E por formación? Desas 61.400 persoas que na Galiza están en desemprego de longa duración, un 30% teñen estudos superiores. É dicir, 18.600 persoas.

Mais o maior grupo (25.600 persoas) represéntano os que teñen até a primeira etapa da educación secundaria. Os que teñen até a segunda etapa son 13.500 e os que figuran como ‘analfabetos ou que só posúen ‘escola primaria’ son 4.000.

Nun estudo incluído no anuario rexional que elabora Eurostat (Oficina de estatística da Unión Europea), correspondente a 2018,  Galiza aparece tinxida de laranxa, a cor coa que se designan aquelas rexións onde o paro de longa duración superaba 50%. Unha cor que se percibe principalmente en zonas de Romanía, Bulgaria, Sur de Italia, Grecia e as zonas da antiga República Democrática Alemá.

Galiza era entón un dos tres territorios da Península Ibérica con maior porcentaxe de persoas paradas de longa duración, é dicir, persoas que levan máis dun ano sen atopar traballo. Só Asturies e a rexión norte de Portugal presentaban peores rexistros que Galiza.

Comentarios