domingo 17/10/21

Denuncias e lexislación asedian a Glovo

A plataforma Glovo deféndese das denuncias animando o seu persoal a asociarse para defender o seu modelo empresarial. Os sindicatos acusan a empresa de "actitude antisindical" mentres atopan dificultades para que as traballadoras e traballadores denuncien na Galiza o que consideran falsos autónomos.
Repartidor en motocicleta da plataforma de Glovo traballando polas rúas durante a pandemia da Covid-19 (Eduardo Parra / Europa Press).
Repartidor en motocicleta da plataforma de Glovo traballando polas rúas durante a pandemia da Covid-19 (Eduardo Parra / Europa Press).

"É unha tendencia na sociedade, non queremos xefes, queremos máis flexibilidade, facer dous ou tres traballos a un tempo". Esta polémica afirmación realizouna hai uns días Sacha Michaud, un dos fundadores da plataforma Glovo, para un programa de televisión no medio dun momento en que se está a presionar este tipo de negocios denunciados por empregar persoal de reparto (coñecidos co anglicismo riders) coa figura de falso autónomo ademais de vulnerar o dereito á liberdade sindical. 

Esta mesma semana UXT rexistrou unha demanda na Audiencia Nacional contra esta empresa por entender que se vulnerou o dereito de liberdade sindical durante as reunións telemáticas que Glovo realizou co seu persoal os días 19 e 20 de novembro. Nelas o CEO de Glovo, xunto ao Director de Políticas Públicas da empresa, cuestionaron o traballo sindical e animaron a organizarse á marxe, a través doutras asociacións como Asoriders, APRA ou AAR, próximas á empresa. 

Rubén Ranz, coordinador da plataforma sindical de UXT, explica a Nós Diario que "é evidente que hai unha relación directa entre estas asociacións e Glovo, demostrarémolo na Audiencia Nacional". Para este sindicalista a actitude da plataforma "é de inxerencia empresarial cunha conduta antisindical" xa que unha empresa "nunca pode dicir a quen te tes que afiliar". Ademais, denuncia que estas asociacións "non están dadas de alta en ningún rexistro, non cobran afiliación e si doazóns". 

Campañas e denuncias contra Glovo na Galiza

En xullo de 2020, CCOO comezou unha campaña a nivel estatal para achegarse aos riders. Na Galiza, explica a Nós Diario Juan Zas Candame, secretario de Acción Sindical de CCOO-Servizos, acudiron ás redes sociais e a falar persoalmente a través de representantes na hostalaría. "Veu xente consultar, mais tivemos dificultades para que dean o paso de perder o medo para mudar a súa situación", relata.

As principais queixas que recolleron viñan pola organización do seu traballo "baseado nunha plataforma que funciona con algoritmos aos que os sindicatos non temos acceso". Explica que con este sistema "poden quedar excluídos do programa e ter menos servizos" co agravante de que "non o fai unha persoa, faino un programa informático, algo que consideramos ilegal". 

Tamén desde a CUT realizaron varias denuncias o ano pasado de traballadoras e traballadores que conseguiron que se lles recoñecera que o seu emprego non era autónomo. "Foi a través de denuncias na Inspección de Traballo", explica o seu secretario xeral, Ricardo Castro, "que remataron por obrigar a Glovo a lles facer contratos indefinidos". Aínda así, recoñece a Nós Diario que a situación está nun "limbo legal" por "gañar sentenzas nalgúns lugares e perderse noutros". 

A expansión de Glovo na Galiza

Glovo naceu en Barcelona en 2015. Na actualidade ten presenza en 22 países e máis de 440 cidades. Na Galiza, desembarcou en Vigo en 2018 para chegar despois a Compostela e A Coruña. A pandemia axudou na súa expansión e en maio de 2020 entrou en Pontevedra, Lugo e Ourense

Modelo de negocio, falsas autónomas e autónomos 

Fernando (nome falso que nos dá por temor a represalias), explica a Nós Diario que foi un dos primeiros riders que traballou na Galiza cando Glovo iniciou a súa andaina en Vigo. "Era autónomo e tiven que fechar un negocio, gústame a liberdade e a través de internet entereime de que esta plataforma viría e pensei que sería unha boa idea como ingresos extra", relata.Iniciou a relación laboral asinando un contrato mercantil e explica que cando comezou "cumpriron os prezos por pedidos e tiña liberdade de reparto". O problema veu despois.

"Non me esperaba que nos trataran como empregados", asegura. As horas que tiña reservadas para traballar eras inamovíbeis e tivo problemas para mudalas. "Tiña que xustificalas ou non me deixaban" polo que "entraba en debate lembrándolles que eu era autónomo".

Tamén tivo problemas nas fins de semana "por estar consideradas horas de alta demanda". Se non facía esas horas "á seguinte non che daban máis". Por este motivo deixara Glovo aínda que volveu cando "melloraron algo as condicións". E pode seguir sendo autónomo. "A empresa tivo que rectificar". En todo caso afirma que as condicións non son as mesmas en todas as cidades. "En Madrid podes traballar e gañar ben máis en Compostela igual sacas só 4 euros nunha hora".

Para facer rendíbel a plataforma a estrutura de negocio ten que ser mínima. Os ingresos veñen por parte dos pedidos nos que Glovo gaña entre 4 e 6 euros e o maior gasto, o propio persoal repartidor, evítase coa figura da autónoma ou autónomo. Para que estes riders gañen un salario de entre 1.300 e 1.500 euros teñen que botar moitas horas ao día polo que rematan por traballar para unha soa empresa e depender dela. 

comentarios