Suso García

“O dos falsos autónomos é o modelo de escravitude adaptado ao século XXI”

Inspección de Traballo comunicou a Servicarne que ten que proceder a dar de alta no réxime xeral da Seguridade Social aos 5.000 traballadores que ten no conxunto do Estado español, por volta de 1.000 deles en Galiza. Unha resolución que chega após o cento de reclamacións individuais tramitadas pola CIG diante da autoridade laboral a raíz do conflito de Frigolouro. Falamos con Suso García, do sindicato nacionalista.

 

suso garcia CIG
photo_camera Suso García

-Como se chegou ao punto de que Inspección de Traballo adoptase una decisión de tal envergadura e que supón esa resolución?

-É unha decisión que afecta todas as empresas do Estado que teñen persoal de Servicarne, estamos a falar de perto de 5.000 persoas. Pois ese persoal teñen que pasalo agora ao seu réxime xeral, facelos do seu cadro de persoal [até agora están como ‘falsos’ autónomos]. Isto foille notificado o 9 de marzo. Chegouse até aquí porque a CIG hai tres anos comezou unha loita laboral que deu estes froitos, unha loita que agora se comproba que había razóns sobradas para dar. Empezamos en Frigolouro, no Porriño. Frigolouro chegou a ter 300 autónomos no cadro de persoal. Tan pronto como tivemos representación nesa empresa do grupo Coren comezamos con esta loita: mobilizacións na rúa, implicar plenos municipais, facer denuncias diante de Inspección de Traballo. Xuntamos perto de 100 denuncias e presentámolas nun departamento especial que ten Inspección de Traballo. A partir de aí comezou a ‘menearse’ este tema a nivel estatal.

-Que consecuencias vai ter para o sector?

-O sector cárnico galego é importante, é o cuarto a nivel estatal. As consecuencias desta decisión? Que vai haber un incremento do cadro de persoal. Onde agora era predominante a precariedade laboral e a explotación pura e dura agora empézase, no que vai ser unha batalla dura e longa porque as empresas van recorrer e tentar botar abaixo esta resolución… agora comeza un longo camiño. Non creo que as empresas acepten de bo grao, polo menos Frigolouro non creo, que centos de persoas pasen a engrosar o seu cadro de persoal.

-Isto chega após dous anos de loita sindical en Frigolouro, un conflito longo e que, como todos, tería momentos altos e baixos por dicilo así… Como viviu a xente estes meses de conflito?

-Foi un conflito sempre en solitario. Non só tivemos que loitar contra a empresa senón incluso contra os delegados das outras centrais sindicais. Foi unha loita bastante ‘fodida’, esa é a palabra. Chegouse ao extremo, no mes de decembro, de a empresa negar a nómina e paga aos traballadores do seu cadro de persoal aducindo que ou cesaba a loita dos autónomos ou non había cartos para as nóminas. Iso levou a que algúns operarios de Frigolouro fosen enriba dos nosos delegados sindicais. E os delegados doutras centrais presionaban os nosos para que parasen o conflito.

Nunha xuntanza do comité de Frigolouro coa Consellaría de Traballo, quen máis atacaba as posicións da CIG foron delegados doutras centrais e presidente do comité. E agora hai quen quer subir ao carro desta vitoria sindical, sendo abandeirados dunha loita que non apostaron nela nin quixeron.

-É unha vitoria importante tamén no que se deu en chamar ‘escravitude 2.0’, os falsos autónomos…

-(Ri) Ese termo acuñeino eu, o da ‘escravitude 2.0’ para referirme a un novo modelo de escravitude adaptado ao século XXI. Os falsos autónomos non teñen dereito real a baixas laborais, nin vacacións, non saben cando entran a traballar e ando acaban, etc… Esta resolución vai non só contra Servicarne, hai outras cooperativas que tamén traballan con ‘falsos autónomos’. A maioría delas no sector cárnico.

-Durante todo este tempo de conflito, a Xunta tamén tería algunha responsabilidade…

-A Xunta foi da man da patronal, subvencionando cun feixe de millóns de euros Coren e sabendo o que estaba a pasar. Nesta loita contra a explotación laboral a Xunta calou a boca, non fixo nada, absolutamente nada. Agora imos pedir unha entrevista coa Consellaría do Traballo porque algo terá que dicir en todo isto.

Comentarios