Presión de CCOO e UXT contra Sánchez para que derrogue as reformas

Os sindicatos súmanse á convocatoria estatal de mobilizacións para o vindeiro día 11 de febreiro. 
Os secretarios xerais de CCOO (esq.) e UXT (der.), Ramón Samón Sarmiento e J. A. Gómez, presentaron as mobilizacións (CCOO)
photo_camera Os secretarios xerais de CCOO (esq.) e UXT (der.), Ramón Samón Sarmiento e J. A. Gómez, presentaron as mobilizacións (Foto: CCOO)

Os sindicatos CCOO e UXT na Galiza sumaranse ás mobilizacións estatais que terán lugar o vindeiro 11 de febreiro coa intención de presionar ao presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, para que consume as súas promesas electorais en materia laboral.

Ambas organizacións anunciaron en rolda de prensa en Compostela que o Executivo estatal ten que derrogar a reforma laboral e a reforma das pensións, ademais de subir o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) até alcanzar 60% do salario medio. 

Reforma das pensións na mesa de diálogo

"Non aceptamos que unha parte do Goberno diga que agora mesmo non toca", asegurou Ramón Sarmiento, secretario xeral de CCOO, "se non toca agora, a conxuntura actual pódenos volver meter noutra década perdida, de crecente desigualdade", aseverou.

Pola súa banda, o responsábel de UXT na Galiza, José Antonio Gómez, censurou  os "globo sonda" do Goberno español sobre unha nova reforma do sistema de pensións e emprazou a que a leven a cabo na mesa de diálogo de seguimento do Pacto de Toledo.

Alí é onde cre que se ten que abordar un problema que "non é de gastos" senón de "ingresos" que teñen que pasar pola asunción de determinadas partidas a través dos orzamentos do Estado. 

As manifestacións celebraranse en todas as grandes cidades galegas ás 12 horas salvo en Ferrol, onde CCOO e UXT  decidiron non convocar esta protesta para favorecer o entendemento coa CIG pola "unidade de acción" que desempeñan os tres sindicatos nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

Comentarios