UXT e CCOO levan a harmonización fiscal ao debate sobre a reactivación

Os secretarios xerais de CCOO e UXT inciden na necesidade de aumentar o papel dos patrimonios na recadación fiscal
A comisión contou onte coa presencia dos representantes sindicais de UXT e CCOO e dos alcaldes de Pontevedra e Lalín (Foto: Arxina)
photo_camera A comisión contou onte coa presencia dos representantes sindicais de UXT e CCOO e dos alcaldes de Pontevedra e Lalín (Foto: Arxina)

As negociacións dos Orzamentos Xerais do Estado español, e máis concretamente as exixencias de ERC para apoialos, situaron no debate a necesidade de suprimir os privilexios fiscais dos que gozan territorios como Madrid. Agora, CCOO e UXT trasladan a proposta de harmonización fiscal ao Parlamento galego como unha das medidas necesarias para a reactivación.

Foron os secretarios xerais destes sindicatos, José Antonio Gómez (UXT) e Ramón Sarmiento (CCOO) os que, durante a súa intervención na comisión especial para a reactivación económica, social e cultural da Galiza, aproveitaron para exixir un marco "razoábel" que elimine as bonificacións nos impostos de Sociedades, Patrimonio e Sucesións e Doazóns.

Nesta liña, Sarmiento criticou que a política de territorios como Madrid é "tremendamente desleal" e provoca "efectos perversos". Na súa opinión, as actuacións en materia fiscal deben ir na liña de "aumentar o papel dos patrimonios" na recadación, visión que comparte co seu homólogo de UXT, quen avogou por unha harmonización "coherente coa progresividade" destas políticas e por acabar co "dumping fiscal"

Os líderes sindicais, aos que se suma a intervención do secretario xeral da CIG a pasada sexta feira, tamén incidiron no protagonismo que debe ter a industria na recuperación. 

Alcoa e Navantia foron os dous nomes propios que xurdiron nas súas intervencións. Respecto da primeira, Sarmiento animou a recuperar "con urxencia" elementos normativos "arrebatados pola reforma laboral" como a autorización administrativa para fechar unha empresa, que "deixa o noso país indefenso ante as decisións das multinacionais", como pon de manifesto o feito de que Alcoa só precise avisar con 30 días de antelación cando en Francia é un ano.

En relación ao papel das administracións na procura de solucións con Alcoa, Sarmiento indicou que "é bó que se lles dea ánimos, pero precisamos decisións a tempo. Non pode ser que os tempos os marque o proceso xudicial ou a multinacional, xa que iso pon en risco o proxecto alternativo".  

Tamén criticou o "maltrato industrial" de Navantia á comarca de Ferrol. Neste senso, o responsábel de CCOO sinalou que as fragatas deben supoñer a modernización da única compañía pública radicada na Galiza, e insistiu na necesidade dunha "infraestrutura básica" como é o dique cuberto

Na súa opinión, facer de Ferrol un polo en enerxía representa unha "oportunidade inaprazábel" para ser o gran proxecto tractor que Galiza precisa, mais para iso é necesario levantar o veto á eólica mariña

Antonio Gómez incidiu en que cómpre incrementar o tamaño das empresas galegas para facelas competitivas, fomentando o agrupamento con instrumentos económicos e fiscais. "As máis fortes son as que sobreviven", apuntou. "Non é fácil, pero algo habería que facer".

O líder de UXT situou como "grande asignatura pendente" a aposta pola innovación, que na Galiza que está "tremendamente lonxe" do obxectivo de 3% da Unión Europea.

Lores e Crespo toman a palabra

Na xornada de hoxe tiveron novamente voz os concellos. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lóres, chamou ao "entendemento" e á "colaboración" entre as Administracións como "única forma" de "sacar a máxima rendibilidade aos fondos europeos" que se porán a disposición dos territorios para combater os danos causados pola Covid-19. Para logralo, propón chegar a un "grande acordo de país", con "altura de miras" e sen "formulacións curtopracistas".

O seu homólogo de Lalín, Xosé Crespo, situou no debate a fusión de concellos para reducir o seu número "á metade". "É unha decisión valente e arriscada, pero tamén a solución para moitos dos problemas da administración local". A outra das súas peticións é a a reforma da Lei de Contratos Públicos xa que, como advertiu, o feito de que un pequeno concello teña as mesmas obrigas que a Xunta podería impedir que os entes municipais gasten o remanente do que dispoñen nos próximos anos.

Comentarios