mércores 14/04/21

Denuncian o sistema de subcontratas de Amazon nas instalacións do Porriño

O servizo de reparto da multinacional Amazon na Galiza a través de subcontratas eleva a  precariedade laboral do seu persoal. Ás denuncias de sindicatos como UXT á Inspección de Traballo súmaselles outras de caracter individual que deixan en evidencia o sistema de negocio deste xigante do comercio en liña.
Instalacións na plataforma loxística de Amazon no Porriño (Amazon)
Instalacións na plataforma loxística de Amazon no Porriño (Amazon)

A entrada na Galiza do xigante co comercio en liña Amazon veu acompañada das primeiras denuncias por presuntas irregularidades na contratación e pola precariedade laboral nas xornadas de traballo do seu persoal de reparto. Na actualidade Amazon conta con dúas plataformas loxísticas.

A primeira en abrir foi a do Porriño que iniciou a súa actividade no verán de 2019 contando cunhas instalacións de 4.000 metros cadrados que xestiona un cadro de persoal de pouco máis de 30 empregadas e empregados. A segunda, na Coruña, está situada no municipio coruñés de Sada. 

Na área de Vigo pouco tardaron en chegar as queixas do persoal e a Inspección de Traballo contou con denuncias presentadas polo Sector do Transporte da Federación de Servizos, Movilidade e Consumo de UXT (FeSMC UXT) desde novembro de 2019.

Daquela, a subcontrata era Kebel  Logistics, S.L., que, segundo este sindicato, empregara 50 persoas para distribución de paquetes que realizaban xornadas de 14 horas diarias, de segunda feira a domingo, con contratos indefinidos cun período de proba de 30 días que casualmente non superaban chegaban a superar, ademais de realizar despedimentos de palabra.

Alén diso, detectaron negativas a entregar os xustificantes de xornada diaria que estabelece a normativa actual. Ademais, aseguran que non se cumpría o Convenio Provincial de Transporte de Mercadorías da provincia de Pontevedra. En paralelo á denuncia en Inspección de Traballo, tamén se iniciou as demandas individuais por despedimento e reclamación de cantidades das e dos traballadores. 

Vulneración dos dereitos fundamentais

Un dos traballadores que no mes de agosto plantou cara á empresa foi despedido e decidiu denunciar. O seu representante legal, Fernando Alfaya, explica a Nós Diario que a demanda basease na cesión ilegal ás empresas de traballo temporal e a Amazon como receptora, "a empresa real para a que traballaba". Por esta razón pídese a nulidade do despedimento "por vulnerarse os dereitos fundamentais". As empresas demandadas son JT Hiring ETT e Tipsa-Delivery SL, esta segunda recentemente sancionada pola Generalitat de Catalunya con 60.000 euros de multa como subcontrata de Cabify.

"As ETT se son sancionadas varias veces por cesión ilegal de persoal contratado pode ser suspendida administrativamente", asegura Alfaya que sospeita que algunhas están especializadas neste tipo de contratacións "de risco". Neste caso o traballador fora contratado pola ETT mais "en realidade esta empresa só organizaba a axenda do persoal, durante toda a xornada a propia Amazon a través dunha aplicación" polo que cre que "en realidade é ela quen controla e vixía que os traballadores non teñan contacto verbal entre eles".

No funcionamento da plataforma loxística do Porriño,  Tipsa colocaría unha "especie de intermediario" nas instalacións de Amazon de tal maneira que calquera incidencia que haxa ten que pasar por esta persoa que fai de intermediaria con Amazon para resolvelo. "O persoal non ten impresión de que teñan unha relación real con Amazon, aínda así non quebra a existencia da cesión ilegal respecto aos condutores", razoa. 

Precariedade laboral

Amazon conta con varias liñas de entrega que xa foron rexeitadas no seu momento polas maiores distribuidoras de reparto na Galiza, como son Correos e Seur. "Non quixeron eses lotes por implicar moita precariedade e unha guerra de prezos", asegura Alfaya, "e foi na que entraron empresas como Tipsa-Delivery SL", engade. Isto explicaría a guerra de prezos entre estas empresas é a precarización do emprego neste sector. Polo traballo que realizan para Amazon debería aplicárselles o convenio colectivo de Pontevedra mais réxense polo estatal. Por este motivo o soldo e as horas extras figuran entre as principais demandas na denuncia.

"O salario que teñen é totalmente arbitrario", di Alfaya, "cobran 8,03 euros por hora cando polo convenio sería de 10,63 euros por hora", engade. Ademais teñen un contrato como condutores e repartidores de media xornada, 27 horas semanais, "sen especificar en como se distribúen de luns a domingo", tendo que estar pendentes dun grupo de WhatsApp para cada servizo. Neste caso "unha xornada diaria podía ser desde 9 até 12 horas, a razón pola que se decidiu a demandar”. 

Inspeccións ao xigante en Catalunya

No mes de xuño de 2020 a Inspecció de Treball, consorcio entre o Estado e a Generalitat de Catalunya, sancionou cunha multa de case 1,2 millóns de euros a Amazon e catro empresas que traballan coa plataforma por "cesión ilegal de traballadores".

En concreto a inspección impuxo unha multa de 817.000 euros ao xigante do comercio en liña, e 360.000 ás subcontratatas de reparto Ahora vengo, Instapack, Nopar e One Motion, ao considerar que Amazon non fai reparto con persoal propio e que 350 traballadores das outras empresas traballan ás súas ordes.

Na propia denuncia as autoridades constataron que as e os empregados afectados estaban nunha situación de "precariedade laboral,  salarios moi inferiores aos que deberían recibir e con xornadas laborais abusivas".

comentarios