Amazon á conquista do meu barrio

Amazon multiplicou as vendas por máis de tres desde 2019.
Vista dunha das reportaxes que inclúe esta semana o caderno 'Producir'. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Vista dunha das reportaxes que inclúe esta semana o caderno 'Producir'. (Foto: Nós Diario)

Acarriña aparca todos os días no meu barrio vigués. O portón deixa ver as caixas da frecha preta. Desde 2014, Amazon multiplicou as vendas por máis de tres até alcanzar os 280 mil millóns de dólares en 2019, 4 veces e media o PIB galego. O confinamento creou as condicións ideais para a distribución en liña. No segundo trimestre Amazon incrementou os ingresos nun 40% e prevé formalizar 300.000 contratacións até chegar a 1 millón de traballadoras e traballadores. Nestes meses achegounos bens que non podiamos conseguir. O custo para a economía produtiva, o persoal traballador e o 
ambiente é moi alto.

Algunhas das grandes tecnolóxicas captan rendas da economía produtiva sen produciren valor novo. O Congreso dos Estados Unidos determinou que controlan os mercados o que lles permite cargar tarifas excesivas, impor contratos abusivos e extraer datos persoais e das empresas. Amazon dita prezos e extrae valor de case 750 mil provedores en todo o mundo.

O modelo laboral baséase na precariedade e no control estrito con graves consecuencias na saúde. No Reino Unido o 87% dos empregados declara dores continuas de costas, brazos e pescozo.

No almacén de San Fernando de Henares, Madrid, a metade dos empregados padece lesións de cóbado e a taxa de absentismo, provocada polas rigorosas condicións laborais, é do 18%. O 50% das traballadoras asinan contratos temporais, en moitos casos a través de ETT. En Polonia, coa aprobación do Goberno, Amazon prohibiu o exercicio do dereito de folga.

As tecnolóxicas non pagan impostos

En 2017 declararon no Estado español unha facturación de 1000 millóns de euros, 10 veces inferior á real, e pagaron 32 millóns de euros en impostos, cando lles correspondería entre 200 e 500 millóns. Ao Francia decidir estabelecer un imposto do 3% ás actividades de Google, Facebook e Amazon, Trump respondeu impondo aranceis aos produtos franceses por 2.400 millóns de dólares.

En 2018, Washington e Nova York doáronlle a Amazon máis de 5.500 millóns de dólares para conseguir que as elixise para a apertura de novas instalacións.

Na cerna da súa organización, un algoritmo permítelle acumular miles de millóns de xigabytes de datos da clientela para debuxar un mapa preciso do que desexan e compran. Integra os provedores para asegurar que os produtos demandados estean dispoñíbeis en tempo e cantidade abonda. O sistema de recomendacións soluciona problemas asociados historicamente coa planificación agregando información espallada en toda a sociedade.

Estás desexando descubrir o resto do contido desta nova? Vai mañá ao quiosque polo Nós Diario e atoparás a información no caderno interior 'Producir'. Tamén podes conseguilo a través da tenda online. En calquera caso, se queres ter a oportunidade de ler reportaxes tan interesantes sempre é mellor que te subscribas xa!

Comentarios