Jeff Bezos: Os abusos que oculta o sorriso de Amazon

O lema de Amazon é "Do A ao Z", letras que une un sorriso no seu logo. Mais detrás desa imaxe amábel, común tamén nas multinacionais tecnolóxicas como Google, agóchanse denuncias de condicións laborais propias do século XIX. O ano 2020 deixoulle un récord de ingresos e o seu beneficio neto aumentou en 84%.

 

EuropaPress_3545650_filed_25_september_2019_us_angeles_jeff_bezos_founder_of_amazon_attends_the
photo_camera Amazon, fundado en 1994, bateu en 2020 o récord de ingresos (Andrej Sokolow / dpa)

Entre o 18 de marzo e o 31 de decembro, é dicir, desde que se declarou a pandemia da Covid-19 até o final de 2020 a riqueza acumulada polas dez persoas máis adiñeiradas do planeta incrementouse en 540.000 millóns de dólares. Entre estas está o fundador de Amazon, Jeff Bezos, que lideraba esta lista até hai menos dun mes, cando foi superado polo conselleiro delegado da empresa automobilística Tesla, Elon Musk. 

Un Bezos que dará un paso a un lado o vindeiro verán e pasará a ser presidente executivo (cargo máis simbólico e con menos poder de decisión), segundo informou a compañía estadounidense ao feche do mercado de valores da terza feira. Na súa carta de despedida aos investidores, recollida onte por Forbes, di: "Se o fas ben, poucos anos despois dun invento sorprendente, o novo tórnase normal. A xente bocexa. Ese bocexo é o máis grande cumprido que un inventor pode recibir. Cando miras os nosos resultados financeiros, o que realmente estás a ver son os resultados acumulados do invento no longo prazo".

O balance que deixa é abafante. Amazon bateu en 2020 o seu récord de ingresos con 386.000 millóns de dólares en vendas ─38% máis que en 2019─ ademais dun aumento de 106.000 millóns en facturación. Así, o beneficio neto da compañía con sede en Seattle medrou meteoricamente en 84% durante o ano pasado.

Sendo unha das primeiras grandes compañías en vender bens por internet, o éxito de Amazon desde que foi fundada en 1994 até hoxe vai máis alá do "invento sorprendente" que menciona Bezos. A eficiencia no proceso de compra e de entrega, o piar principal do seu crecemento, está asentada sobre alicerces escuros.

O Instituto Open Markets ─equipo multidisciplinar que traballa por "protexer a liberdade e a democracia das concentracións extremas de poder"─ publicou  en setembro un informe documentando o uso que Amazon fai da súa infraestrutura de vixilancia "para controlar e rexistrar o traballo e comportamento dos empregados", rastrexando "de forma invasiva todos os movementos" mesmo cronometrando os segundos usados para facer un paquete.

O estudo, que leva por título "Eyes Everywhere" ("Ollos en todas partes"), explica que nos almacéns se instalaron "cámaras de seguridade con intelixencia artificial sofisticada" para controlar que se respecten as medidas de hixiene por mor da pandemia. Porén, tamén controlan que os empregados non superen o tempo de descanso, que non se produzan roubos e que se manteña a intensidade laboral en todo momento. 

Ademais, os traballadores só poden levar ao posto unha botella de auga e unha bolsa de plástico transparente con diñeiro. Ao final da xornada son rexistrados durante uns 25 minutos do seu tempo libre, segundo as testemuñas recollidas por Open Markets. 

Morte e lucro

As medidas de seguridade laboral a respecto da Covid tardaron, porén, en chegar. O pasado 14 de abril, Business Insider informaba da primeira morte pola enfermidade do novo coronavirus nun almacén en California, despois de na semana previa Amazon despedir tres traballadores por exixiren condicións de traballo seguras. O falecemento producírase xa en marzo, mais os empregados foron informados un mes despois.

Naquela altura, só nos EUA, a compañía contratou 100.000 empregados para xestionar o aumento exponencial de compras. E en Europa, mentres que o pequeno comercio se vía na obriga de baixar a persiana polo confinamento, Amazon puido continuar vendendo. O pasado sábado centos de persoas se manifestaron en Francia para protestaren pola construción dun novo almacén en Fournes, que se sumará aos máis de 175 que xa ten no mundo.

Sen dúbida o éxito económico desta multinacional, que conta ademais con outros servizos como a plataforma na nube AWS (cuxo director executivo, Andy Jassytal, herdará o posto de Bezos), é froito dos "resultados acumulados no longo prazo" tal e como di o seu fundador. Porque os abusos laborais tamén se acumulan de vello.

En maio os seus traballadores en Francia foron á folga, mais a compañía redirixiu os pedidos a través de Italia. Este tipo de movementos levou á constitución da rede Amazon Workers International, que agrupa organizacións de traballadores de Alemaña, Eslovaquia, España, Francia, Italia, Polonia e tamén dos EUA, co fin de defenderen de forma conxunta as súas condicións laborais.

E aínda máis atrás no tempo, en 2013, o periodista francés Jean-Baptiste Malet publicaba o libro En Amazonie, infiltré dans le meilleur des mondes ("En Amazon, infiltrado no mellor dos mundos") tras lograr ser contratado nun almacén de Amazon. Fíxoo porque os traballadores teñen prohibido falar cos medios de comunicación, e alí puido constatar como apenas había descansos ou se fomentaba a delación dos empregados "máis lentos". 

Nunha entrevista en Le Monde, afirmaba que "as condicións laborais son propias do século XIX" e que a compañía "cando se trata de respectar os dereitos sociais, non é unha empresa progresista senón totalmente reaccionaria". O libro de Malet está á venda en Amazon.

O multimillonario pon rumbo ao espazo

"Como presidente executivo, continuarei a participar en importantes iniciativas de Amazon, mais tamén terei o tempo e a enerxía que necesito para me concentrar en Blue Origin, The Washington Post e as miñas outras paixóns", explica Bezos na carta de despedida. Porque Bezos é máis que Amazon e aí é onde mostra unha outra versión. En 2013 fíxose co prestixioso periódico estadounidense por 250 dólares e logrou ─sen inmiscirse na liña editorial─ situalo de novo nun lugar de referencia. Tamén doou 7,7% do seu patrimonio en 2020 ao fondo Bezos Earth para loitar contra o cambio climático e apoia a través de Day 1 Fund as familias sen fogar. Mais é Blue Origin, empresa de voos espaciais, o seu proxecto máis importante ─máis, chegou a dicir, que o propio Amazon─. O obxectivo é expandir a humanidade alén do noso planeta. Nun acto público en 2017, afirmou: "Temos que ir ao espazo para salvar a Terra".

Comentarios