Ikea e Amazon, a ombros do abuso laboral

Son as grandes compañías do mundo globalizado. Empresas que construíron boa parte do seu éxito proxectando unha imaxe amábel cara ao cliente. Grandes compañías que se estenden polo mundo, ofrecendo ganancias récord ano tras ano. Xigantes que sosteñen sobre os seus ombros traballadores cos seus dereitos ignorados.
amazoncrazia2
photo_camera Protesta na segunda feira de traballadores italianos de Amazon fronte a un dos 40 centros loxísticos con que a multinacional conta no país (Foto: FILT CGIL)

"Tomámonos moi en serio a protección dos datos privados dos nosos empregados e dos nosos clientes". "Garantir a saúde e a seguridade dos nosos empregados e dos provedores externos é a nosa máxima prioridade". 

A primeira frase está extraída dun comunicado emitido por Ikea; a segunda é doutro de Amazon. A compañía sueca foi acusada de espiar os seus empregados e está a ser xulgada estes días en Francia; a estadounidense viviu a súa primeira folga en Italia por supostamente levar os seus traballadores ao límite sen compensacións xustas.

Son dous novos caso de denuncias por abusos laborais a compañías que basean boa parte do seu éxito na imaxe amábel que proxectan cara ao consumidor. Tamén acontece coas multinacionais tecnolóxicas como Google, denunciada a finais do ano pasado nos Estados Unidos por espionaxe dos seus empregados e por despedir varios traballadores que mantiñan unha actividade sindical (finalmente, a comezos deste ano, creouse o primeiro sindicato na compañía tras un ano de organización en segredo).

No caso de Amazon internacional, a compañía con sede en Seattle medrou meteoricamente en 84% durante 2020, ano en que bateu o seu récord de ingresos, con 386.000 millóns de dólares en vendas ─38% máis que en 2019─, ademais dun aumento de 106.000 millóns en facturación. 

A pandemia disparou as ganancias desta empresa, que non é a primeira vez que recibe críticas polas condicións de explotación laboral ás que somete os seus traballadores en todo o mundo.

"Exército que non para"

A empresa di que os empregados son "indispensábeis" mais "non son tratados como tal", apuntaron nun comunicado conxunto os sindicatos italianos FILT CGIL, FIT-CISL e Uiltrasporti. Afirman que é o "exército de arredor de 40.000 traballadores que nunca paran" o que permitiu que Amazon tivese eses resultados económicos. Porén, a única contrapartida por parte da empresa ─argumentan─ foi unha maior carga de traballo e exixir máis rapidez nas entregas.

A folga de 24 horas tivo unha "adhesión media de 75%, con picos de 90% nalgunhas zonas", segundo os sindicatos. Un seguimento "máis alá das nosas expectativas". Amazon, pola súa banda, reduce a menos de 10% dos empregados e arredor de 20% traballadores por conta allea o número de persoas que secundaron o paro. Ademais, nunha carta aberta na súa páxina web nega todas as acusacións. Asínaa Mariangela Marseglia, máxima responsábel de Amazon en Italia e en España. 

Os sindicatos tamén trasladaran  unha petición de solidariedade á cidadanía italiana para que non fixese ningún pedido durante todo o día, informou a axencia ANSA. Descoñécese con certeza se este chamamento tivo un efecto significativo, aínda que as centrais dixeron estar "compracidas" porque os clientes "compartiron os motivos da protesta".

"Amazon medrou enormemente grazas ao boom do comercio en liña en tempos de pandemia e é xusto que redistribúa parte desta riqueza tamén en forma de dereitos aos seus empregados", sinalan, asegurando que a empresa se negou até agora a recibilos para discutir cuestións básicas como a carga e o ritmo de traballo. Facelo "máis humano" é o que demandan, así como o pago de "indemnizacións por Covid-19".

Antecedentes penais

Coincidindo coa folga en Amazon, comezaba do outro lado dos Alpes o xuízo contra Ikea, que está previsto que estenda até o vindeiro 2 de abril, segundo recolleu France 24. A empresa de móbeis está acusada de contratar unha compañía de seguridade privada para obter de forma ilícita información dos seus empregados e de posíbeis novas contratacións cun "sistema de espionaxe" que operou de 2009 a 2012. 

A fiscalía asegura que Ikea Francia usou este mecanismo para o control de traballadores sindicados, así como tamén de clientes que mantiñan algún tipo de disputa legal con Ikea.

No banco sentan 15 persoas, incluídos os ex directores executivos Stefan Vanoverbeke e Jean-Louis Baillot. Tamén catro axentes da Policía, encargados de atinxir e facilitar a información confidencial. Ikea Francia podería ser condenada a un pago de até 3,75 millóns de euros; e as persoas físicas afrontan sentenzas de até 10 anos de prisión, cunha multa a maiores de até 750.000 euros para os dous ex directivos.

Foi en 2012 que o semanario Canard Enchaine desvelou a trama. A publicación sinalaba na altura que a empresa de seguridade, Sûreté International, cobraba a Ikea 80 euros por cada consulta. Por exemplo, mandou investigar se un empregado tiña antecedentes penais dado que posuía un coche BMW, vehículo que a empresa consideraba por encima das súas posibilidades dado o baixo salario do traballador. 

Comentarios