Persoal de limpeza de edificios de Pontevedra e Ourense, á folga

A Xunta publicou na segunda feira no Diario Oficial da Galiza (DOG) os servizos mínimos para a folga, nos cales se recolle que deberán traballar 100% dos empregados que operen nas unidades de coidados intensivos (UCI) dos hospitais, así como nas urxencias, laboratorios de urxencias, radiodiagnóstico de urxencias, área de cirurxías, reanimación posquirúrxica, reanimación cardíaca, oncoloxía radioterápica, hematoloxía e hospital de día e diálise.
Rolda de prensa de convocatoria da folga (Foto: CIG).
photo_camera Rolda de prensa de convocatoria da folga (Foto: CIG).

A folga de limpeza de edificios e locais de Pontevedra e Ourense arrinca a partir das 22 horas desta terza feira e estenderase até o mércores, día 10, ás 22 horas. Convocada polos sindicatos CIG, UXT e CCOO, este paro chega despois da folga iniciada o pasado mes de outubro en Lugo, que aínda continúa tras máis de 80 días.

Tamén na Coruña levarase a cabo unha mobilización o día 10, debido a que o convenio nesa circunscrición caducou o 31 de decembro e prevese unha negociación "complicada" (en Pontevedra e Ourense o convenio caducou a finais do 2022 e en Lugo en 2021).

A Xunta da Galiza publicou na segunda feira no Diario Oficial da Galiza (DOG) os servizos mínimos para a folga, nos cales se recolle que deberán traballar 100% dos empregados que operen nas unidades de coidados intensivos (UCI) dos hospitais, así como nas urxencias, laboratorios de urxencias, radiodiagnóstico de urxencias, área de cirurxías, reanimación posquirúrxica, reanimación cardíaca, oncoloxía radioterápica, hematoloxía e hospital de día e diálise. En canto ás áreas de radioloxía intervencionista, esterilización e hospitalización, o persoal necesario dos servizos mínimos será de 70%, mentres que 50% no caso do resto de áreas hospitalarias.

En centros dependentes da Xunta, a Vicepresidencia Primeira e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes estabeleceu diferentes porcentaxes de servizos mínimos, chegando a 100% naquelas oficinas que só contan cunha persoa de limpeza, como é o caso do rexistro civil de Vigo ou dos xulgados da Estrada, Caldas de Reis ou Cambados, entre moitos outros. No resto de oficinas e edificios, os servizos mínimos van desde 20% até 50%, como na Cidade da Xustiza de Vigo.

“Por un convenio digno”

Os sindicatos convocaron a folga para demandar un "convenio digno", tras meses negociando coa patronal sen que se producisen avances e con propostas de subidas salariais por baixo do IPC. "Imos ver como resulta o paro e a partir de aí analizamos outras accións", dixo en declaracións Transi Fernández, da CIG, indicando que por agora non hai sobre a mesa ningunha nova reunión coas patronais. En concreto, a cuarta feira terá lugar unha concentración ás 11 horas na ponte peonil da Avenida Alfonso Molina da Coruña, así como outra acción diante da de Delegación da Xunta en Lugo ás 11.30 horas.

Tamén haberá manifestacións desde a Subdelegación do Goberno español en Ourense ás 12 horas; en Vigo desde Vialia ás 12 horas e desde o Centro Comercial Gran Vía ás 17 horas; desde a praza da Peregrina de Pontevedra ás 12.30 e ás 19 horas, e desde o hospital do Salnés ás 11 horas e diante do Concello de Vilagarcía ás 12 horas.

Comentarios