A curva que non aplana: os ERTES na Galiza atinxen xa 200.000 traballadoras e traballadores

Máis de 31.000 expedientes de regulación temporal de emprego desde o inicio da pandemia.

erte

Un total de 199.993 traballadores e traballadoras están na Galiza afectados por un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) a raíz da crise que veu da man da pandemia do coronavirus. Son 50.000 máis que hai apenas seis días. E 150.000 máis que na primeira semana, aquela na que entou en vigor as medidas excepcionais aprobadas polo Goberno español no marco do estado de alarma.

Nestas semanas rexistráronse no noso país 31.326 expedientes.

As e os empregados inmersos nestes expedientes de regulación dispáranse 25% respecto dos datos da pasada sexta feira, con 40.000 traballadores e traballadoras máis, tendo en conta que agora o Goberno galego ofrece por primeira vez as cifras de empregados en ERTE de índole estatal que teñen repercusión na Galiza, que son 36.031.

A nivel galego hai 909 expedientes de regulación que afectan 15.518 persoas. Por provincias, Pontevedra segue á cabeza en traballadores e traballadoras afectadas (65.037) e en números de expedientes, 10.863.

O paro rexistrado na Galiza en marzo deixa 8.000 persoas máis no desemprego e 10.000 cotizantes menos na Seguridade Social.

Imprimir

Comentarios