A terceira cidade da Galiza é un ERTE

Máis de 151.000 traballadores e traballadoras afectados por expedientes de regulación temporal de emprego a raíz da crise da COVID-19.

Compostela coronavirus ruas baleiras exercito (Arxina)
photo_camera Rúas e viais baleiros nunha cidade galega en confinamento (Arxina)

Os expedientes de regulación temporal de emprego (ERTEs) ensinaron a pata apenas horas despois de se decretar o estado de alarma e as súas medidas de paralización de determinadas actividades: Apenas 3 días despois da entrada en vigor daquelas medidas excepcionais aprobadas polo Goberno español xa había solicitados na Galiza 630 ERTEs, que afectaban por volta de 5.000 traballadores e traballadoras.

Números que palidecen dúas semanas despois. A cifra de expedientes é, a 1 de abril, de case 28.900 e as persoas asalariadas afectadas, 151.141. Se fosen habitantes dunha cidade galega esta sería a terceira máis poboada, despois de Vigo e A Coruña, e moi por diante de Ourense (que ten 108.000 veciños e veciñas).

En apenas 24 horas, do 31 de marzo a 1 de abril, os e as empregadas afectadas por ERTEs aumentaron en 4%. A información da Xunta distribúeos por provincias, sendo a de Pontevedra a máis afectada, con 60.000 traballadoras e traballadores sometidos a un destes expedientes.

Dos ERTEs presentados, 838 son a nivel da Galiza (14.000 traballadoras afectadas), mentres que aqueles expedientes que son a nivel estatal e atinxen tamén Galiza son 34.

O último dato de paro rexistrado na Galiza foi o correspondente ao pasado mes de febreiro: Había 166.229 desempregadas, segundo o Ministerio de Traballo. Un número que está a piques de duplicarse por mor dos e das traballadoras afectadas por ERTEs.

Comentarios