A cifra de ERTEs na Galiza xa supera os 630 e afectan máis de 5.000 traballadoras

En apenas tres días.
cadena montaxe traballo mikel arrazola
photo_camera (M. Arrazola)

As empresas galegas presentaron un total de 630 Expedientes de regulación laboral temporal (ERTE) como consecuencia da crise do coronavirus, medidas que afectan un total de 5.187 traballadores e traballadoras.

Estes son os datos actualizados a partir desta cuarta feira, 18 de marzo, na Galiza, que proporcionou o Ministerio de Economía, Empresa e Industria.

Na súa intervención desta cuarta, o propio presidente da Xunta recoñeceu que hai un incremento "moi importante" no número de ERTEs presentados ante a autoridade laboral, que "se están tramitando con automatismo absoluto" e seguindo as liñas establecidas polas medidas do Goberno español.

A crise sanitaria do coronavirus ten unha vertente económica cuxo impacto esá aínda por medir. Entre as empresas galegas que activaron un ERTE está Adolfo Domínguez. A firma galega de moda vén de anunciar o feche das súas tendas físicas no territorio español e a activación dun Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) para as 728 traballadoras dos seus puntos de venda físicos.

A cifra supera a que manexaban algúns sindicatos, como Comisións Obreiras, que esta terza feira cifraba provisionalmente en “máis de 120” as empresas que solicitaran iniciar este tipo de expedientes de regulación de emprego na Galiza. Xa a nivel de Estado español, UGT falaba de até un millón de persoas asalariadas que na primeira semana poderían verse afectadas por estas medidas.

Desde a CIG criticaron “a fórmula de fomentar os ERTEs coas modificacións introducidas, baseándose no articulado dunhas reformas laborais, xa de por si lesivas, e actualizar os elementos máis perversos destas reformas a través desta vía, parécenos inaceptábel e irresponsábel”, e advirte que “non se van impedir así os despedimentos que xa se están producindo, por moito que se presenten os ERTEs ou reducións de xornada como fórmula para evitalos”.

Comentarios