Críticas ao acordo de estabilización da función pública asinado en Madrid

O acordo para a estabilización do persoal interino asinado entre algunas organizacións sindicais e o Ministerio de Política Territorial e Función Pública foi criticado pola CIG por considerar que non dará solución ao problema do abuso da temporalidade e que blindará a taxa de reposición de efectivos. Desde CCOO cren que "é positivo" aínda que "mellorábel" nos vindeiros meses.
Mobilización da CIG contra o acordo o pasado 28 de xuño diante da Delegación do Goberno español na Coruña (Nós Diario).
photo_camera Mobilización da CIG contra o acordo o pasado 28 de xuño diante da Delegación do Goberno español na Coruña (Foto: Nós Diario).

O texto do acordo entre as organizacións sindicais estatais CCOO, UXT e CSIF e o Ministerio de Política Territorial e Función Pública recibiu duras críticas desde outras organizacións como a CIG, que considera que incorre nas mesmas eivas que os acordos previos asinados no ano 2017 e 2018. A central nacionalista votou en contra, xunto ao sindicato ELA de Euskal Herria, por entender, segundo indican nun comunicado, que "non se contempla ningunha medida no sentido de que o abuso da contratación temporal derive na creación de novas prazas fixas nos cadros de persoal e a súa incorporación nas ofertas de emprego público". 

Suso Bermello (CIG) cre que este acordo chega coincidindo "coa presión que ten o Goberno español por parte da Unión Europea". Para este sindicalista "repítese a situación de 2017" tendo en conta que "onde hai máis persoal interino é nas ramas sanitaria e educativa", un dos sectores que non contan con relacións de postos de traballo (RPT). Por este motivo as e os interinos, afirma a Nós Diario, "poden estar un ano substituíndo un profesor e ao outro nunha praza vacante" polo que as normas recollidas no acordo "serán en todo caso de difícil aplicación".

Augura que as posíbeis indemnizacións sinaladas no documento asinado en Madrid "non serán recoñecidas polas Administracións" e que "aumentará os litixios". A falta de RPT, para a central nacionalista, tamén "rematará por reducir as indemnizacións" e a adaptación á norma europea "quedará nun despido e nunha bonificación en vez de buscar medidas alternativas". 

Desde a CIG piden a "eliminación da taxa de reposición con carácter indefinido", a fixación "dun marco sancionador moi estrito e contundente coas Administracións que incumpran as normas de temporalidade", o estabelecemento de "medidas reparadoras co persoal interino" e "respecto ás miles de persoas nesta situación coa negociación de procesos de consolidación para buscar unha saída a quen foron vítimas da temporalidade abusiva". Ademais, aseguran que o acordo introduce "máis centralismo e control". 

Peor situación 

Para Rita Giráldez, avogada do Gabinete Xurídico da CNT, a reforma “empeora" a situación anterior que había até agora. As indemnizacións, explica a Nós Diario, "só se darán se pasan os tres anos" mais sempre e cando "non se convoque", unha situación que se subsanaría "mesmo cun concurso de traslados".  Explica que no caso de non convocar unha praza após o tempo que indica a norma "non poderá cubrila con outro persoal interino e só poderá facelo cun funcionario de carreira". Neste caso pon como exemplo a sanidade, "con moito persoal que leva no servizo máis de tres anos e que terá que amortizala cun proceso que non existe en realidade".

"Positivo" e "mellorábel" para CCOO

José Emilio Doforno (CCOO) considera, en declaracións a Nós Diario, "positivo, dadas as circunstancias," o acordo, aínda que con "posibilidade de mellora cando se remate en setembro". Pensa que será unha ferramenta para "estabilizar o emprego temporal" ao tempo que "respecta os dereitos das persoas que levan moito tempo traballando" e "penaliza a Administración a través das indemnizacións". Nesta situación cre que "preferirán a negociación e non os ceses, algo que facilitaremos". Para este sindicato con este acordo “non haberá a partir de agora contratos de máis de tres anos". 

Alén diso, Doforno expón que "todas as prazas vacantes entrarán nas ofertas públicas de emprego, polo que os procesos de estabilización non terán taxa de reposición". Sinala que na Galiza están ofertadas "ao redor do 80% das prazas, mais non están convocadas" e teñen o compromiso da Xunta de que a vindeira convocatoria contará "con 3.000 prazas".

Comentarios