A Covid-19 expulsa do mercado laboral 10.000 mulleres nun só ano

Un informe da UXT e Comisións Obreiras indica que case un 89% das persoas inactivas por estar ao coidado dalgunhas persoas no fogar son mulleres. Só 227 homes demandaron permisos para dar atención a crianzas, maiores ou adultas enfermas pero neste caso predomina a existencia de retribucións.

Imaxe de arquivo dunha manifestación en Ourense (Foto: Galegas 8M).
photo_camera Imaxe de arquivo dunha manifestación en Ourense. (Foto: Galegas 8M)

2020, ano que pasará á historia pola pandemia do coronavirus, fechou con numerosos cambios económicos, sociais e laborais. Un dos colectivos que saíu mal parado das consecuencias da Covid-19 foi o das mulleres pois, segundo un informe de UXT e CCOO, 10.000 delas tiveron que deixar o mercado laboral para estar ao coidado do fogar e da familia.

Esta mudanza na súa dedicación implica que vivan “sen remuneración” 10.000 persoas máis que antes da pandemia. Así, o grupo esta formado por 179.900 profesionais que están en situación de inactividade.

Co seu estudo, o sindicato -xunto coa central de Comisións Obreiras- quere amosar a “desigualdade” que continúa a existir no mundo profesional. Malia que esta problemática xa se daba, o pasado exercicio quedou máis ao descuberto. O 88,6% das persoas que non buscan emprego por ocuparse de crianzas, adultas enfermas ou persoas maiores son mulleres.

En 2020, dadas as circunstancias fornecidas polo virus, 1.353 mulleres tiveron que pedir permisos nas súas empresas fronte a 227 homes. Para incrementar esa diferenza, o estudo amosa que “a asunción de coidados familiares por parte dos homes aumenta nos permisos retribuídos, mentres que os permisos non retribuídos son maioritariamente femininos”.

As mulleres tamén tiveron que solicitar xornadas a tempo parcial (até un 93%) fronte ao resto de homes ou reducións por atender a menores de 12 anos.

“Ambas as agrupacións coincidiron en indicar que máis do 57% de persoas que están en ERTE na Galiza son mulleres, o que supón 5,35 puntos máis que a media estatal”, subliñaron, cunha preocupación que xustifican os datos das enquisas de poboación activa, entre outras estatísticas.

O documento realizado por UXT abrangue, igualmente, a realidade das traballadoras no que se refire aos tipos de contratación. “O 26% das mulleres ten un contrato temporal, fronte ao 22% dos traballadores homes. Entre a poboación asalariada con contrato de duración indefinida descontinuo o 65% son mulleres”, lamentaron.

Comentarios