As mulleres, as grandes damnificadas da pandemia: 77% do emprego destruído na Galiza foi feminino

As traballadoras galegas tardarán un mínimo de 300 anos en conseguir a equiparación salarial cos homes, denuncia un informe da CIG sobre a situación laboral da muller

As mulleres concentran boa parte dos contratos temporais e non están igual de recoñecidas que os homes en moitos dos postos (Foto: Rankia).
photo_camera As mulleres concentran boa parte dos contratos temporais e non están igual de recoñecidas que os homes en moitos dos postos (Foto: Rankia).

A pandemia expulsou do mercado laboral a miles de traballadoras galegas que se viron obrigadas a asumir novamente os coidados de dependentes e crianzas, destruíu emprego (maiormente feminino) e aumentou a taxa de temporalidade neste colectivo. Estas son algunhas das conclusións, entre outras, do ‘Informe da Situación Sociolaboral das Mulleres en Galiza’, 2020 elaborado polo Gabinete de Economía da CIG e que se presentou esta quinta feira.

“Desde o ano 2009 a fenda salarial reduciuse en 2,6 puntos porcentuais, o que en termos absolutos equivale a 150 euros menos de diferenza entre os salarios dos homes e das mulleres. De seguirmos a este ritmo, farían falta 300 anos para conseguir a equiparación salarial cos homes”, incide o informe

A secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral,  afirmou que a pandemia puxo en evidencia a acertada análise do feminismo galego cando no 8M de 2020 denunciaba que "sen coidados non hai vida", amosando que os traballos feminizados son esenciais para o desenvolvemento da sociedade.

Os datos da EPA relativos ao ano 2020 que recolle o Informe indican, sinala o sindicato, como a muller “vai ser a gran damnificada pola pandemia” porque, segundo explicou a responsable do Gabinete de Economía da CIG, Natividade López Gromaz, "a muller viuse obrigada a abandonar o mercado de traballo para dedicarse aos coidados de menores e dependentes por mor do confinamento". Tal é así que se estima que 2020 rematou con 10.200 mulleres máis dedicadas a 'labores de  fogar' que en 2019.

Ademais, o 77% do emprego destruído foi feminino, pero iso "non se reflectiu na poboación parada, senón que provocou un descenso na poboación activa" co que a taxa de actividade masculina volve superar á feminina en máis de 10 puntos.

A maior presenza de mulleres en actividades esenciais na pandemia non foi abondo para compensar a caída da ocupación feminina no resto de sectores. "A maior precariedade e temporalidade propiciou que foran as primeiras en ser despedidas ao inicio da pandemia", apuntou López Gromaz quen sinalou que as maiores perdas de emprego déronse no sector Servizos, nomeadamente nas actividades máis feminizadas, como a hostalaría.

Ademais, agás no sector público –onde todos os novos contratos asinados por mulleres foron temporais- perdeuse emprego en todas as categorías profesionais. Xunto a isto, "entre as mulleres o maior descenso produciuse entre as empregadas no sector privado; entre os homes entre autónomos ou traballadores independentes".

Así as cousas, a taxa de temporalidade entre as mulleres sitúase no 26%, case 4 puntos por riba da masculina, cando en 2020 a diferenza era de 2,7 puntos. E isto ocorre cando, ademais o 77% dos empregos a xornada parcial foron subscritos por mulleres, mentres que en 2019 eran o 75,2%.

Con todo, a economista da CIG advertiu que as consecuencias desta situación veranse a longo prazo, sobre a xubilación e "van agravar a xa forte fenda salarial existente". Lembrou que en 2020 o número de anos cotizados para acceder á máxima pensión correspondente era de 36 anos e 9 meses, que non acadou nin a poboación con máis de 65 anos. De media os homes tiñan 34, 4 anos cotizados e as mulleres apenas superaron os 23 (23,3).

Diante desta situación, a secretaria das Mulleres asegurou que os datos, que cualificou de "demoledores" xustifican a necesidade, "posibelmente máis que nunca na historia recente, de saírmos á rúa para denunciar".

Demandou "cambios reais xa" e augurou que "non queda outro camiño que a loita incómoda" para denunciar a situación "tanto laboral como asistencial, das residencias da terceira idade, dos centros de día, dos centros de atención á diversidade, dos servizos de axuda no fogar que o goberno do PP na Xunta de Galiza vén desmantelando e privatizando para facer deles un novo negocio a custo das persoas máis vulnerables".

Denunciou a dobre explotación que sofren as mulleres tanto no traballo asalariado como nos fogares e que o goberno do Estado "foi incapaz de blindar os dereitos de conciliación" das persoas traballadoras e de poñer as vidas no centro das políticas públicas. "

Comentarios