O convenio na industria, nova fronte aberta para o sector lácteo

As organizacións sindicais na mesa de negociación do convenio para a industria láctea abordan un calendario de mobilizacións ante o bloqueo da patronal.
Fábrica de Nestlé en Pontecesures (Foto: Europa Press).
photo_camera Fábrica de Nestlé en Pontecesures (Foto: Europa Press).

O conflito do sector lácteo suma unha nova fronte. Ás queixas dos produtores polos baixos prezos que a industria paga polo leite que producen, engádese agora o conflito que manteñen os traballadores coa industria pola negociación do convenio colectivo, que ameaza con derivar en mobilizacións se non se chega a un acordo coa patronal nas próximas semanas.

Segundo sinalan desde UXT, que invitou o resto de organizacións sindicais presentes na mesa de negociación a fixar un calendario de mobilizacións na industria láctea, o esforzo realizado polos traballadores e traballadoras da industria láctea durante a pandemia para abastecer á poboación debe verse reflectido nun novo convenio colectivo que mellore as condicións laborais e salariais das preto de 30.000 persoas que integran este colectivo. Porén, lamentan que a patronal do sector siga "sen estar polo labor" e manteña bloqueada a negociación a só tres semanas de rematar o ano.

Folga de entregas

Este anuncio prodúcese no mesmo día no que o colectivo de gandeiros de Agromuralla advirte do risco de que unha eventual folga de entregas de leite a partir do vindeiro día 15 para protestar polos baixos prezos do leite provocase problemas de desabastecemento. 

O presidente da asociación, José Luís Pérez, indicou sobre esa folga que "aínda falta por organizar todo", pero que a idea segue a ser a de non entregar leite á industria "porque o produto é noso e non nos están a pagar un prezo xusto", indicou o portavoz de Agromuralla.

Pérez amosouse confiado de que a simple ameaza da folga a modo de ultimato ás industrias sirva para subir os prezos antes dese quince de decembro. De momento só unha empresa incrementou ese prezo nun céntimo, o que é "claramente insuficiente", lamentou.

"O leite sáenos sobre 40 ó 41 céntimos e a previsión é que siga subindo o feito de producir, porque os subministradores de penso xa falan de aumentar en 30 euros a tonelada, o que suporá cinco céntimos máis por quilo de penso", afirmou o presidente de Agromuralla.

En canto á entrega, calculou que se deixarán de fornecer "sobre 80 por cento da produción" que iría parar "á fosa de xurro", porque, apuntou, "non temos outra saída".

Comentarios