Os gandeiros galegos mobilízanse pola alza dos custos de produción do leite

Producir un litro de leite custa 40 céntimos e a industria está pagando 33
Protesta de Unións Agrarias en Outeiro de Rei. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Protesta de Unións Agrarias en Outeiro de Rei. (Foto: Nós Diario)

A factoría do grupo Larsa en Outeiro Rei acolleu na mañá desta terza feira unha concentración de centos de gandeiros convocados polo sindicato Unións Agrarias para reclamar unha suba dos prezos do leite diante do aumento dos custos de produción.

A mobilización realizouse só unha semana despois de que a mesma organización desenvolvera unha protesta semellante diante da factoría de Lactalis en Vilalba e ás portas de novas convocatorias noutros puntos do país.

O secretario de Coordinación Sectorial do sindicato, Félix Porto, afirmou ao remate do acto que a situación do sector verase "agravada" no caso de que "non se tomen decisións urxentes" e lembrou que nos últimos meses os custos de produción disparáronse en 26%, mentres os  produtores galegos seguen á cola do Estado en prezos. Neste sentido, esixiu unha alza dos mesmos até alcanzar 38 céntimos. 

Porto criticou a Larsa por "xactarse de ter a conta de resultados máis avultada da súa historia, sendo consciente da sangría de perdas de explotación froito da caída de prezos e da subida de custos de produción" e denunciou que esta compañía recolle "o 35% do leite que hai na Galiza", polo que "calquera decisión ten repercusión no conxunto do sector". 

Unha suba do prezo

O responsábel de comunicación de Larsa, Manuel Reiniero, sinalou a Nós Diario que "desde outubro de 2020 até outubro de 2021 Larsa subiu o prezo do leite en 19%, incrementándoo en case tres céntimos por litro".

Na mesma liña, lembrou que "a compañía ten os contratos indexados á evolución das graxas e das proteínas nos mercados internacionais co obxectivo de facer aos produtores partícipes dos beneficios" e adiantou "un incremento dun céntimo no prezo ao produtor para o mes de novembro".

A Federación Rural Galega (Fruga) advertiu da crítica situación do sector e reclamou das Administracións públicas medidas urxentes para garantir a viabilidade do complexo gandeiro. Así, o responsábel da entidade, Elías Somoza, denunciou "a alza dos prezos dos pensos en 8% no que vai de ano" así como dos "abonos químicos, con subas de 40% e 50%".

"Producir un litro de leite custa 40 céntimos mentres a industria paga ao produtor 33 céntimos, polo que estamos vendendo a perdas", sinalou Somoza, quen criticou "o incumprimento da Lei da cadea alimentaria" e "a posición do Goberno Estado, por non obrigar a respectar a lei". Ao tempo, afeoulle á Xunta a súa actitude "por non convocar a mesa do leite".

Comentarios