Gandeiros galegos súmanse á folga de entrega de leite convocada no Estado a partir do 15 de decembro

Agromullara defende a suspensión das entregas ante a crise de prezos que atravesa o sector. Segundo o sindicato Fruga, os gandeiros galegos están a perder uns cinco céntimos por cada litro de leite que producen.
Detalle da tractorada convocada polo colectivo Agromuralla o pasado 4 de novembro en Lugo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Detalle da tractorada convocada polo colectivo Agromuralla o pasado 4 de novembro en Lugo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O colectivo de gandeiros Agromuralla anunciou que se suma á folga de entrega de leite polos baixos prezos que abona a industria convocada a nivel a estatal.

Tras unha reunión realizada este 3 de decembro en León, gandeiros de todo o Estdo acordaron unha folga indefinida de entregas "ante a grave situación que atravesa o sector lácteo".

Segundo detalla Agromuralla mun comunicado, "esta é a medida máis dura que pode adoptar un gandeiro, pero á vez, é a única que pode reverter esta situación caótica na que esta sumido o sector". "O leite é noso e os únicos que se enriquecen con el son os que o compran", subliñan.

O paro, aclararon, "será indefinido no tempo, non deixando circular polas estradas nin unha soa cisterna de leite". "Non queremos prexudicar os transportistas, que nos consta que o están pasando tan mal coma nós pois as industrias téñenos igual de asfixiados en prezos pero non podemos deixar que se mova un só litro de leite neses días de folga", avanzaron.

Custos de produción

Por parte de Agromuralla emprazaron os gandeiros a que "non asinen contratos que non cubran os custos de produción, debido a que así o marca a Lei de Cadea Alimentaria, sendo ilegal que as industrias nos obriguen a asinar contratos que atentan contra a devandita lei".

Como mínimo reivindican pagos que garantan os prezos de produción, un "custo estimado en máis de 41 céntimos antes do 15 de decembro, data na que os gandeiros de leite irán á folga".

Segundo sinalou esta asociación, "a gandaría en España dá traballo, directa e indiretamente, a máis de 30.000 familias, a maioría fixadas ao medio rural" abocado á desaparición se non van adiante as súas demandas.

Cinco céntimos por litro

Desde a Federación Rural Galega (Fruga) estímase que os gandeiros poderían estar a perder da orde de "cinco céntimos" por cada litro de leite que producen.

O coordinador de sectores gandeiros de Fruga, Elías Somoza, calculou que na Galiza sobreviven unhas 6.443 granxas lácteas das máis de 10.000 censadas hai cinco anos.

Vaticina que de seguir a situación así o próximo ano poderían ser "menos de 6.000", debido a que se acreditou o "feche mensual de entre corenta e cincuenta explotacións" polos baixos prezos.

Comentarios