Continúa a folga de fame en Citroën após ser hospitalizada outra sindicalista

A piques de se cumpriren dúas semanas do inicio da protesta, os operarios agradecen as mostras de solidariedade e critican a política empresarial de PSA-Peugeot. 

Paco, Suso e David
photo_camera Paco e David, os operarios despedidos, co secretario xeral da CIG, Suso Seixo [Imaxe Avantar-videos]

Manuel Domínguez inicia esta segunda feira a sexta xornada de xexún. Secretario da sección sindical da CIG-Citroën, conversa con Sermos Galiza con voz débil. "Os días vanse notando", afirma, embora recoñecer non saber "moi ben como estamos fisicamente" por mor da negativa da empresa a permitir o acceso de persoal sanitario para que os dous sindicalistas sexan revisados. 

Até o de agora ningunha persoa da dirección de PSA-Peugeot Citroën pasou polas instalacións do servizo médico da factoría para se preocupar polo estado de saúde d@s traballador@s que encetaron a folga de fame o pasado 1 xullo. E van tres persoas relevadas após sufriren importantes mermas por mor dun período tan longo sen se alimentar. A última en ser trasladada foi Ernes Rodríguez quen o 18 de xullo sufriu un "golpe de calor", segundo fontes sindicais, polo que tivo que abandonar as instalacións e acudir ao Hospital Xeral (Vigo) onde lle fixeron as correspondentes probas médicas. 

A folga de fame indefinida acordada pola executiva da CIG-Citroën ten por obxecto reclamar a readmisión de Paco e David. Dous operarios despedidos aos que lles foron atribuídos, por parte da empresa, incumprimentos en materia de seguridade.

Desde a central nacionalista afirman que a decisión de Citroën a respeito dos dous operarios visa "instaurar o medo" na factoría onde en poucas semanas terán lugar as eleccións sindiciais e deixar claro, din, que "aquí non se discute nada".  

Neste senso, desde a dirección de PSA-Peugeot Citroën afirmaron non valorar a súa readmisión e mesmo os acusa de teren desenvolvido de maneira voluntaria os incumprimentos na seguridade dalgúns vehículos. Un despedimento "disciplinario" que desde as centrais sindicais coidan excepcional por non se ter producido en anteriores ocasións. "Nunca se tomou unha medida tan drástica sen existir sancións previas", afirmaron ao comezo da folga. 

Mostras de solidariedade 

A piques de se cumpriren dúas semanas de protesta, as mostras de solidariade "continúan a chegar", afirma Domínguez. "Correos, mensaxes, whatsapps" que lles envían outras organizacións sindicais "do país e de fóra del" mais tamén desde outros conflitos como o da recollida de lixo de Lugo onde o comité de folga lle transmitíu o seu apoio nun comunicado. "Estamos moi agradecidos", sinala Manuel Domínguez, "e dannos moito ánimo para seguir". 

Mostras de solidariedade que se suman ás concentracións que teñen lugar diariamente ás portas da propia factoria e nas que este sábado se podían ler cartaces denunciando a política de recursos humanos desenvolvida polo seu director, José Manuel Fernández Cedrón de quen din "foi xefe nacional da OJE", Organización Juvenil del Movimiento Nacional Franquista. "Antes, como agora: actúa como un fascista", podíase ler nun dos cartaces da concentración. 

"A min o que me preocupa", di Domínguez, "é que unha persoa que está á fronte de recursos humanos non teña delicadeza para xestionar con humanidade". O secretario da sección sindical da CIG-Citroën denuncia "a situación na que nos atopamos os traballadores" da factoría onde, di, se está a espallar "o medo". 

Manifestación 

Esta terza feira desde a CIG convocan unha manifestación solidaria que sairá ás 20.00h da Praza de América e rematará ás portas de Citroën. Ao mesmo tempo a central sindical nacionalista mantén os repartos informativos e as concentracións diarias diante da fábrica. 

Comentarios