"A patronal séntese forte porque lle están a dar carta branca"

Manuel Domínguez, secretario da sección sindical da CIG-Citroën, afirma que o despedimento dos dous traballadores foi "un campanazo" da dirección para deixar claro que "aquí non se discute nada". VÍDEO NO INTERIOR.

CIG(2)
photo_camera Imaxe de Paco e David, os dous traballadores despedidos [Imaxe CIG]

Após o despedimento de dous operarios da factoría de PSA-Citroën en Vigo, dous dos seus compañeiros --integrantes da executiva da sección sindical da CIG-- encetaron unha folga de fame indefinida para exixiren a súa readmisión pois, para Manuel Domínguez, o seu despedimento debeuse a "feitos que consideramos inxustos". 

E é que a ambos os dous traballadores se lles atribuíron incumprimentos en materia de seguridade mais, explican, "sen que ningún informe recolla coche algún con eses defectos". Segundo Domínguez, secretario da sección sindical CIG-Citroën, "é a primeira vez que acontece tal cousa ha historia da factoría", nomeadamente sen que previamente "fosen sancionados".

"PSA-Citroën é unha cadea de produción moi complexa"

Desde a central sindical nacionalista amósanse cert@s de que o obxectivo da dirección empresarial é "instaurar o medo" entre o plantel, para deixar claro que "aquí non se discute nada". 

Manuel Domínguez enfatiza as condicións de traballo en que desenvolven o seu labor @s operari@s de PSA-Citroën. "Trátase dunha cadea de produción moi complexa" que resulta en "problemas físicos, psicolóxicos e mesmo sociais" para @s traballador@s. Nos últimos anos, subliña, "o que se quere instalar aquí é un modelo low-cost", de baixo custe, no que as primeiras persoas atinxidas sexan @s obreir@s. 

Unha "campaña de represión"

Por iso decidiron iniciar a folga de fame, "unha acción que nunca é fácil", acrecenta. Os dous integrantes da executiva sectorial que encetaron a greve esta terza feira son dous dos máis antigos do plantel. "Contan con anos de historia e non están dispostos a que as novas xeracións teñan peores condicións de traballo que as que eles tiveron". 

"Os traballadores continuamos e continuaremos a defender os nosos dereitos"

Neste senso, Domínguez non dubida en afirmar que o que está a acontecer é "unha campaña de represión contra os traballadores", non só a respeito do acontecido en PSA-Citroën, senón en moitos outros sectores e centros de traballo. Unha campaña que se pode desenvolver, explica, porque "as medidas do goberno están a dar carta branca á patronal" e isto fai que "se sinta forte". No entanto, "os traballadores continuamos e continuaremos a defender os nosos dereitos", acrecenta. 

Após unha primeira xornada de loita, @s traballador@s da factoría concentráronse por volta das 13.15h ás portas do centro de traballo cunha pancarta en que se podía ler 'Despedidos readmisión'. Con este acto de solidariedade, que valoran de maneira "moi positiva", quixeron lanzar unha mensaxe de apoio e trasladarlle aos dous compañeiros en folga as recibidas, din, "desde Galiza e mesmo o Estado español". 

Comentarios