Concentración de fregonas 'caídas' na folga de limpeza en Lugo para urxir á patronal un convenio "digno"

"A folga indefinida seguirá adiante porque estamos convencidas de que só coa loita e a mobilización de todo o sector conseguiremos un convenio digno", afirmou Asunción Castiñeira, de CIG-Servizos.
Protesta do persoal da limpeza en Lugo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Protesta do persoal da limpeza en Lugo. (Foto: Nós Diario)

A folga do sector da limpeza en Lugo comezou a súa segunda semana cunha concentración de fregonas 'caídas' para urxir á patronal un convenio "digno". Nunha protesta diante do Concello de Lugo na que tiraron as súas fregonas ao chan, denunciaron que a patronal quere deixar o convenio por baixo do SMI nun "absoluto inmobilismo". "Se non asinades, non limpamos", avisan á patronal.

"Este é un dos convenios máis baixos de toda Galiza. O salario anual dunha limpador está 1.800 euros por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional, e ademais este é un sector altamente feminizado e con moita parcialidade, o que agrava a precariedade laboral", denuncia, Asunción Castiñeira, de CIG-Servizos.

Malia que a folga entrou hoxe na súa segunda semana e que os seus efectos xa se están notando en moitas dependencais públicas, industrias, oficinas ou comercios, a patronal, nomeadamente a asociación estatal ASPEL, "ten paralizadas as negociacións", denuncian, "sen convocar a mesa nin dar resposta á proposta da parte social". Por iso, Castiñeira tamén fai un chamamento ás administracións —como contratistas principais destes servizos— para que actúen "con responsabilidade" ante o conflito.  

Nesta liña, volveu solicitar a solidariedade das traballadoras e traballadores que se poidan ver afectados pola folga e que non asuman unhas tarefas de limpeza que non lle corresponden, "porque con isto o único que están facendo é vulnerar os dereitos fundamentais das compañeiras, que levan unha semana en folga perdendo o seu salario para sacar adiante este convenio".

Castiñera subliña que a folga indefinida seguirá adiante "porque estamos convencidas de que só coa loita e a mobilización de todo o sector conseguiremos un convenio digno". Ao remate da concentración anunciouse que para a xornada de mañá, terza feira día 24, haberá unha caravana de vehículos por toda a cidade que sairá ás 11.30 horas de diante do edificio sindical na Ronda da Muralla.

Comentarios