sábado 31/10/20

O comité de empresa de Alcoa solicitará á xustiza que paralice os despedimentos

O comité de empresa de Alcoa en Cervo solicitará a medida cautelarísima para que un xuíz paralice o despedimento colectivo a 524 traballadores cuxa aplicación anunciou esta sexta feira a empresa.

José Antonio Zan, Alcoa  Marta Vázquez Rodríguez  Europa Press
José Antonio Zan, presidente do Comité de Empresa (Imaxe: Europa Press).

Ademais de anunciar que solicitará a medida cautelarísima para paralizar os despidos, o comité de empresa urxe ambos os gobernos, o da Xunta e o Executivo estatal, que "se deixen de palabras" e pasen "aos feitos" coa intervención da planta. "Hoxe é o día", subliñou o seu presidente, José Antonio Zan (CCOO).

Tras coñecer o anuncio de Alcoa de aplicar o despedimento colectivo, Zan criticou a forma de comunicalo, "totalmente a mala fe unha sexta feira á unha da tarde". "Levan traballando de mala fe desde que chegamos ao desacordo", incidiu.

Agora, por parte do comité, "hai un roteiro ben claro e marcado", avanzou. "O primeiro que esiximos é á Xunta de Galiza e ao presidente Alberto Núñez Feixoo que cumpra a súa palabra e inmediatamente solicite ao Goberno estatal a intervención", dixo.

Tamén se referiu á ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira, á que igualmente esixiu "que cumpra a súa palabra e que interveña esta factoría".

Zan: "Son eles os que teñen que mover ficha agora"

Zan apuntou a unha reunión desta quinta feira na que se dixo que "estaba todo disposto para a expropiación". "Hoxe é o día. Se queren facer algo, téñeno que facer xa. As próximas horas e os próximos días son fundamentais", remarcou. "Son eles os que teñen que mover ficha agora", insistiu.

Neste escenario, o comité seguirá coa folla de ruta até o domingo e despois elaborará un calendario "de accións moi contundentes". "Esperamos que estes próximos días a Xunta e o Goberno español se movan, pero non imos baixar os brazos", avisou.

Zan alertou a Alcoa de que "terán enfronte" os traballadores se de aquí ao 31 de marzo, como expuxo a multinacional, "quere levar adiante a parada dunha soa cuba". "Iso é o que se van atopar, un calendario que temos que elaborar con intelixencia e sabendo cal é o obxectivo, que é que non se toque nin unha cuba", reiterou.

comentarios