Incerteza no persoal de Alcoa ante a reunión sobre o forno de cocción

A compañía anunciou o adiamento do investimento.
Instalacións de Alcoa en San Cibrao, en Cervo, na Mariña. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Instalacións de Alcoa en San Cibrao, en Cervo, na Mariña. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Alcoa convocou esta sexta feira ao comité da planta de San Cibrao, no municipio de Cervo (comarca da Mariña), a unha reunión en Madrid para abordar o anuncio da empresa de aprazar a aprobación definitiva da construción do forno de cocción, principal investimento da compañía comprometido no acordo co persoal.

Este encontro terá lugar o día antes de que decorra unha xuntanza da mesa de seguimento de Alcoa, nese caso convocada esta sexta feira, tamén en Madrid, polo Ministerio español de Industria.

A produción de aluminio primario da planta parouse en xaneiro de 2022 como resultado dun acordo cos representantes do persoal alcanzado en decembro de 2021. En febreiro de 2023, produciuse, coa oposición da CIG, unha modificación do pacto polo que Alcoa reiniciaría de maneira gradual a produción de aluminio primario en xaneiro de 2024 e se comprometía a non realizar ningún Expediente de Regulación de Emprego (ERE) ou Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) até 2026 na súa factoría de aluminio, onde se ocupan un número aproximado de 540 operarios e operarias. Porén, neste acordo, Alcoa negouse a asegurar o mantemento do emprego do persoal da planta de alumina, conformado por 510 persoas, máis alá de 2023. 

Neste sentido, esta semana, o presidente e conselleiro delegado de Alcoa, William Oplinger, informou de que a firma está "a traballar para cumprir con todos os compromisos contidos no acordo de viabilidade [da planta de San Cibrao], incluída a realización de investimentos de capital, mais a situación actual segue sendo moi difícil" debido ás "perdas" da factoría.

Porén, os portais de investimento, como é o caso de Simply Wall Street, veñen de prever este mes de decembro, despois das últimas subas en bolsa, que a multinacional dos Estados Unidos de América saia de perdas en 2023 e gañe case 390 millóns de euros en 2024. Ademais, a compañía reduciu o seu persoal na Mariña en perto de 10% desde 2020 cunha perda de arredor de 100 empregos.

Comentarios