A piques de decaeren cinco parques eólicos que abastecerían Alcoa

Os cinco proxectos eólicos contaban xa con declaración de impacto ambiental positiva.
O persoal das auxiliares cre que os investimentos previstos por Alcoa en San Cibrao (Cervo) poderían xerar novos postos de traballo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Factoría de Alcoa en San Cibrao, Cervo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O futuro da factoría de Alcoa en San Cibrao (Cervo) volve pender dun fío. Esta cuarta feira a conselleira de Industria, María Jesús Lorenzana, alertaba no pleno do Parlamento da parálise que están a sufrir cinco dos parques eólicos —Monzón, Borrasca, Ventisca, Boura e Levante, todos de Greenalia— destinados a abastecer a industria electrointensiva e que, malia disporen xa da declaración de impacto ambiental (DIA), salvo sorpresa de última hora non se construirán.

O Goberno español, responsábel da súa tramitación, advertiu da caducidade dos seus respectivos permisos de conexión e Rede Eléctrica Española xa notificou este contratempo á Xunta da Galiza, que a estas horas non obtivo resposta aínda do Ministerio, unha información adiantada por La Voz de Galicia e que puido confirmar Nós Diario.

Son cinco dos once parques eólicos pendentes de recibir o visto e prace do Executivo de Pedro Sánchez no marco do Power Purchase Agreement (PPA, acordo de compra de enerxía limpa a longo prazo) autorizado para garantir a actividade en Alcoa. "Ningún recibiu aínda o permiso de construción", censurou Lorenzana.

Comentarios