O colapso da residencia de Vilalba: unha soa traballadora obrigada a atender até 30 residentes

Á falta de persoal engádense, segundo manifestan desde o Sindicato Labrego Galego, as dificultades de non contar tampouco con medios materiais suficientes para a atención das persoas residentes, tales como grúas adaptadas, cadeiras de rodas e todo tipo de material sanitario.
A residencia de maiores de Vilalba (Foto: Google Maps).
photo_camera A residencia de maiores de Vilalba (Foto: Google Maps).

A vogal do Sindicato Labrego Galego (SLG-CCLL) no Consello de Benestar Social, Margarida Prieto, vén de transladar o apoio do SLG ás demandas das traballadoras da Residencia de Maiores de Vilalba -xestionada pola Fundación Hospital Asilo de Vilalba (FHAV)-, que esta quinta feira rexistraron un escrito dirixido á alcaldesa Elba Veleiro Fernández -dado que o Concello é parte do Padroado da Fundación Hospital Asilo de Vilalba-, así como á Inspección de Traballo, para denunciar as graves dificultades que están a ter para poder levar adiante unha correcta atención ás persoas residentes.

“Xa en abril do ano 2021, despois de recibir queixas de persoas usuarias da residencia de maiores, denunciamos desde o SLG a falta de persoal e o incumprimento dos ratios regulados na normativa de Centros de Servizos Sociais”,alertan desde o SLG.

157 residentes

“A día de hoxe, dous anos despois, as traballadoras denuncian que seguen a incumprirse os ratios requeridos pola Lei de Servizos Sociais, toda vez que non se cubren as ausencias. Na actualidade hai aproximadamente 157 residentes repartidos en 6 pavillóns. Nalgúns deles hai até 30 residentes e só unha persoa traballadora en quenda de mañá”, acrecentan.

Durante a tarde estes 157 residentes, indica o sindicato, están atendidos por 7 traballadoras que, entre outras tarefas, deben levantar da sesta, cambiar cueiros, dar as merendas, xestionar as visitas, dar as ceas e deitar a estas máis de cen persoas.

Esta situación é aínda máis complicada por mor da “falta de actualización da situación de dependencia das persoas usuarias, figurando moitas grandes dependentes so con supervisión física ou verbal, segundo nos trasladan as traballadoras”.

Á falla de persoal engádense, segundo manifestan, as dificultades de non contar tampouco con medios materiais suficientes para a atención das persoas residentes, tales como grúas adaptadas, cadeiras de rodas e todo tipo de material sanitario.

Esta situación prolongada nos últimos meses “é totalmente insostíbel e repercute gravemente tanto na saúde das traballadoras, derivado do nivel de estrés e ansiedade que están a sufrir ao non contar co persoal nin cos medios necesarios, como na calidade de atención ás persoas residentes, que se poden ver afectadas de maneira moi importante nos seus coidados”.

Comentarios