O investimento do Goberno galego en benestar social sitúase á cola do Estado: 301 euros por persoa fronte aos 717 de Nafarroa

O Goberno galego é cuarto do Estado que menos inviste en servizos sociais por habitante. A partida anual por persoa foi en 2021, segundo os últimos datos publicados pola Airef, de 301 euros anuais, 69 euros por baixo dos 370 que se destinaron de media no Estado e moi lonxe dos 717 euros por residente que dedicou Nafarroa.
O Executivo galego é o cuarto do Estado que menos orzamento dedica a investimento social (Foto: Nós Diario).
photo_camera O Executivo galego é o cuarto do Estado que menos orzamento dedica a investimento social. (Infografía: Nós Diario)

O investimento en servizos sociais na Galiza situouse en 2021 en 301 euros anuais por persoa. Segundo os datos que vén de facer públicos a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef), a través do Observatorio de Información Económica e Financeira das Comunidades Autónomas, o investimento social por habitante na Galiza foi 69 euros inferior ao da media do conxunto do Estado español, fixado en 370 euros.

As cifras referidas pola Airef -organismo de control fiscal creado polo Estado co obxectivo de "garantir a estabilidade orzamentaria"-, procedentes da Intervención Xeral da Administración do  Estado (IGAE), dependente do Ministerio de Facenda, indican que só Murcia, Aragón e Canarias invisten menos que a Galiza. 

Neste sentido, Murcia destina a servizos sociais 269 euros por habitante ao ano, Aragón 294 euros e Canarias 299. Na mesma dirección, a fenda nesta materia entre a Galiza e outros territorios do Estado non deixou de incrementarse na última década.

O investimento anual en servizos sociais por habitante da Galiza é 416 euros inferior ao de Nafarroa, 170 euros por baixo do de Catalunya, 145 euros inferior ao de Estremadura, 143 euros máis cativo que en Asturias, 143 inferior ao da Rioxa e 132 euros máis baixo que o cántabro. Asemade, dedican máis fondos a esta materia comunidades autónomas como Castela-A Mancha, Castela e León, Illes Balears, Euskadi ou Madrid. Neste sentido, as diferenzas investidoras entre os territorios mantéñense practicamente sen alteración  desde comezo da Grande Recesión de 2008, a partir da cal se acometeron significados recortes nesta materia.

Os números ofrecidos pola Airef para 2021 non ofrece grandes novidades en relación coa última década. Así, o gasto educativo por habitante na Galiza foi inferior en 71 euros á media estatal en 2012, en 64 euros en 2013, en 68 euros en 2014, en 66 euros no ano 2015, en 66 euros en 2016, en 66 euros na anualidade de 2017, en 69 euros en 2018, en 78 euros no exercicio de 2019 e en 69 euros en 2020.

A situación é resultado da falta de investimento da Xunta da Galiza, coa excepción de 2007, 2008 e 2009, onde os orzamentos en servizos sociais medraron, respectivamente, en 21%, en 27,5% e en 16,3%, respectivamente. 

O investimento en servizos sociais da Xunta é inferior á media do Estado, malia ser máis cara a súa prestación no país. A isto, contribúen de forma determinante as elevadas taxas de envellecemento da poboación galega así como a dispersión xeografía. Precisamente, algúns dos programas máis custosos en materia de benestar social están dirixidos de forma específica ás persoas maiores, significándose entre eles, os servizos de dependencia, de axuda no fogar ou de asistencia residencial e en centros de maiores.

A falta de suficiencia orzamentaria compromete a calidade dos servizos sociais. Así, por exemplo, a Galiza atópase á cola do Estado en investimento público en dependencia, sinalando a Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais que o conxunto dos Gobernos autonómicos destinaron en 2021 de media ao financiamento deste servizo 79,1% do seu custo total, porén a Xunta só dedicou 67%.

O Goberno galego reduciu nas súas contas de 2021 as partidas para dependencia. A este respecto, o informe da Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais indica que o investimento caeu en 7,23% en relación coa anualidade anterior, só ficando por baixo da Galiza, Canarias, cun descenso de 24,5%; Castela e León, cun descenso de 7,54%; e A Rioxa cunha redución de 7,34%. Nunha porcentaxe semellante minguou o gasto medio anual por persoa beneficiaria dunha axuda de dependencia, cunha caída respecto a 2020 de 7,09%.

Residencias

A situación repítese no caso dos centros de maiores. A este respecto, o Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso), órgano dependente do Ministerio de Asuntos Sociais, sitúa Galiza á cola do Estado en prazas residenciais de carácter público, case 40 puntos por baixo da media estatal, onde o número de prazas públicas chega a 62% e moi lonxe de 74% de Euskadi. Pola súa parte, a Asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais sinala que a Galiza contaba en 2020 con 2,9% de prazas residenciais menos que en 2010.

As eivas do servizo de axuda no fogar

A cobertura do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ofrece na Galiza algúns dos indicadores máis negativos do Estado. A Asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais sinala que 96,7% das persoas maiores de 65 anos non dispoñen de SAF, sendo a súa cobertura inferior en 3,3 puntos á media estatal.

Comentarios