A CIG quere erguer un monumento en Vigo para lembrar as folgas de 1972

A CIG vén de presentar actos en lembranza do 50 aniversario da loita obreira galega. Así mesmo, anunciaron a súa intención de erguer un monumento conmemorativo daquel histórico 1972 no vigués barrio de Coia.
Presentación da CIG en Vigo dos actos conmemorativos do 50 aniversario da loita obreira galega. (Foto: CIG)
photo_camera Presentación da CIG en Vigo dos actos conmemorativos do 50 aniversario da loita obreira galega. (Foto: CIG)

A CIG continuou esta segunda feira en Vigo coa presentación dos actos conmemorativos do 50 aniversario das loitas de 1972 que deron comezo ao movemento obreiro galego. O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e o secretario comarcal do sindicato en Vigo, Alberto Gonçalves, compareceron en rolda de prensa para dar a coñecer os actos e as mobilizacións que se desenvolverán na cidade baixo o lema 'Somos Clase. Somos Nación. A loita continúa'. 

Salientaron especialmente a instalación dunha escultura no barrio vigués de Coia en lembranza das protestas de setembro na cidade, así como a realización dunha manifestación nacional en setembro, cadrando co mes do 50 aniversario.

Carril lembrou que a CIG comezou a semana pasada os actos conmemorativos dos 50 anos das loitas de 1972 “sobre a base de que a historia contemporánea do movemento obreiro galego está construída a partir desas mobilizacións, primeiro en Ferrol o 10 de marzo e despois en Vigo en setembro”.

Por iso a central sindical enfoca a conmemoración desta data “non como un exercicio de nostalxia” senón de reivindicación para manter “vivas e vixentes” as loitas que deron orixe ao movemento obreiro galego, “sobre todo nun momento como o actual no que asistimos a unha ofensiva do capital contra a clase traballadora e contra o futuro do noso país”.

Neste senso, reiterou que a nova reforma laboral non supón a derrogación das reformas do PP e do PSOE e non recupera nin recolle novos dereitos, ao tempo que a recentralización das relacións laborais impide que a Galiza poida ter un marco propio de relacións laborais.

Entre os actos que a CIG ten programados citou a proxección do traballo audiovisual A semente de 1972, a edición dun libro  unha mobilización nacional en setembro na cidade. 

Ao mesmo tempo anunciou que a central sindical solicitou os permisos para instalar unha escultura no barrio de Coia, obra do escultor Javier Diéguez Mosquera, membro da Asociación de Canteiros da Galiza, coa idea de que poida ser inaugurada no mes de setembro.

Pola súa banda, o secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, salientou a vaga de solidariedade que se produciu na cidade en 1972 a raíz dos asasinatos de Ferrol, con folgas como a que comezou en Citroën en setembro e que despois se estendeu pola cidade desafiando o réxime franquista. “Ese exemplo de combatividade foi a orixe do que hoxe representa a CIG", sinalou o responsábel da central sindical na comarca de Vigo.

Comentarios