A CIG critica o acordo de convenio asinado para as residencias privadas e cualifícao de "esmola"

O sindicato sinala as carencias do convenio e avanza que comezará unha "loita prolongada" para esixir que as empresas cumpran a lei e o documento asinado.
Protesta das traballadoras de residencias privadas en Santiago. (Foto: Arxina)
photo_camera Protesta das traballadoras de residencias privadas en Santiago. (Foto: Arxina)

A CIG desmárcase do acordo de convenio alcanzado a semana pasada pola patronal de residencias e centros de día privados da Galiza, UXT e CCOO, un documento que considera unha "esmola" en vista das reclamacións das traballadoras e traballadores.

A centra nacionalista critica o acordo e acusa os sindicatos e a Xunta de ser "cómplices" da súa situación. Nunha rolda de prensa, Beatriz Hernández, do comité de folga, asegurou que tanto os sindicatos asinantes como a patronal e a Administración "equivocáronse ao considerar que esta folga tiña como fin único unha negociación colectiva" e que se podía "arranxar cunha esmola".

Esenciais pero esquecidos

"Esta folga foi o froito de anos e anos de explotación e humillación que sufrimos os traballadores do sector de residencias", destacou Beatriz Hernández, que "despois de ver como eramos chamados esenciais e recibir aplausos" volveron ser "os esquecidos". "Decidimos deixar de vivir axeonllados, levantar a cabeza e reclamar dignidade", subliñou.

Tras unha semana de folga no servizo, o 25 de marzo produciuse unha mediación do  Consello Galego de Relacións Laborais entre os traballadores e as empresas, que derivou nun acordo de novo convenio que foi asinado por CCOO e UXT, pero non pola CIG.

"Esperabamos un pouco de respecto", dixo Hernández, fronte ao que se atoparon a "unha patronal miserábel e mezquina" que, entre outras cousas, "non estaba disposta a falar da saúde das traballadoras".

Carencias

Do texto acordado, a CIG critica cuestións como que non se aborde a consecución do 100% do salario en caso de baixa por enfermidade, "obrigando" os traballadores a acudir ao seu posto de traballo en caso de ter doenzas como unha gripe, co consecuente efecto negativo que podería ter na saúde dos residentes, "persoas vulnerábeis".

Do mesmo xeito, reclamaban "unha redución de xornada para rebaixar a carga brutal de traballo", e "os arrogantes e miserábeis da patronal só ofertaron" unha redución de sete horas do cómputo global de todo o ano e outras sete o ano seguinte.

En canto á suba salarial pactada, de 6,5%, é "a que xa había por convenio", cun 1% de subida para o ano seguinte sen posibilidade de revisión salarial. "É un insulto para os traballadores", dixo Beatriz Hernández.

Explotación

A representante da CIG destacou que, no proceso de negociación, a patronal queixouse "de que non lles chega", cando se trata dun "sector con grandes multinacionais controladas por fondos de investimento e con millóns de euros de facturación".

Por iso, cualificou as súas formulacións de "ruíns e miserábeis" e acusou os sindicatos que asinaron o acordo de "colaboradores directos da explotación dos traballadores".

A partir de agora, explicou, a CIG comezará unha "loita prolongada" para esixir que, polo menos, as empresas cumpran a lei e co asinado. Ao mesmo tempo, seguirán reclamando á Xunta que "suba os cocientes" de traballadores por número de residentes e "equipare as condicións" coas residencias públicas. Do mesmo xeito, tamén esixen que se cumpra a normativa para a presenza de persoal sanitario naquelas residencias de maior tamaño.

Comentarios