Preacordo de convenio para o persoal das residencias privadas da Galiza

As organizacións sindicais alcanzaron coa patronal unha serie de "avances" que a próxima semana serán sometidos á valoración das e dos traballadores do sector.
Concentración do persoal da residencia Caser da Zapateira, na Coruña, o pasado 17 de marzo (Foto: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera Concentración do persoal da residencia Caser da Zapateira, na Coruña, o pasado 17 de marzo (Foto: M. Dylan / Europa Press).

As organizacións sindicais e patronais das residencias privadas da terceira idade e de centros de día alcanzaron esta sexta feira, logo de dez horas de negociación —e coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais— un preacordo para o convenio destas traballadoras e traballadores.

O persoal das residencias foi convocado para a vindeira segunda feira, 28 de marzo, no edificio Cersia de Compostela, ás 17 horas, "para que sexan as traballadoras e traballadores quen tomen a decisión última sobre os avances conseguidos no convenio colectivo".

"Os avances que teñen como obxectivo dignificar as súas condicións salariais e laborais e deles darase conta unha vez sexan ratificados", informaron fontes sindicais.

O pasado 17 de marzo principiou unha folga indefinida no sector á que estaban chamadas a participar perto de 12.000 persoas.

O obxectivo era exixir que a patronal sentase a negociar un novo convenio no que se actualizasen as retribucións, nun sector que leva dous exercicios co convenio caducado e no que "a norma é a precariedade nas condicións salariais e laborais", denunciaron as forzas sindicais.

Alén da patronal, as centrais salientaron a responsabilidade da Xunta da Galiza, propietaria de prazas que "rematan por ser xestionadas por empresas privadas".

Tamén cuestionaron, por outra parte, os servizos mínimos "de practicamente 100%" impostos pola Xunta, que consideraron "abusivos".

Comentarios