As residencias privadas de maiores e os centros de día irán á folga o 18 de marzo

Os sindicatos convocantes (CIG, CCOO e UXT) denuncian o incumprimento do convenio por parte da patronal e as condicións de precariedade nas que este colectivo desenvolve o seu traballo.
O persoal das residencias pide rematar coa precariedade (Foto: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera O persoal das residencias pide rematar coa precariedade (Foto: M. Dylan / Europa Press).

Os sindicatos CIG, CCOO e UXT anunciaron onte a convocatoria dunha folga á que está chamada o persoal de residencias privadas de maiores e centros de día da Galiza. Será o vindeiro 18 de marzo co obxectivo de denunciar o incumprimento do convenio por parte da patronal e as condicións de precariedade nas que este colectivo desenvolve o seu traballo, pese a tratarse dun servizo público esencial.

Segundo explicou en rolda de prensa a responsábel da Federación de Servizos da CIG, Tránsito Fernández, as negociacións do convenio ─caducado desde finais de 2019─ atópanse bloqueadas pola "pouca ansia" da patronal por chegar a acordos, en concreto pola súa negativa a mellorar as condicións económicas do persoal, a pesar de que 2021 acabou cunha inflación de 6,5 %.

Após fracasar a mediación, a portavoz da CIG indicou que "isto non pode seguir" e "a única solución" que queda ás traballadoras, a maioría mulleres, é ir á folga para mellorar non só as súas condicións económicas, senón tamén sociais. A convocatoria afecta máis de 10.000 persoas na Galiza.

Fernández tamén lamentou que, a pesar das denuncias e peticións dos sindicatos para que a Xunta fixese inspeccións nos centros, Política Social non actuou, "e xa non se aguanta máis a situación, a precariedade, a falta de control, excesos de xornada...xa non se fan nin  cribados de Covid", denuncia.

"Precariedade crónica"

Pola súa parte, Iria Estévez, de CCOO, lamentou que a "precariedade" nas residencias privadas "vai camiño de converterse en crónica", e apuntou como exemplo que hai salarios "por baixo do SMI, pero non do último acordado, senón dos anteriores, que eran máis baixos". Nesta liña, criticou a negativa da patronal a actualizar salarios cando as empresas "si aplicaron o IPC ao prezo das prazas".

Javier  Fente, de UXT, engadiu que, á marxe da cuestión salarial, non se substitúen as baixas nin permisos, nin se cumpren os mínimos de traballadores e traballadoras en cada centro.

Este representante sindical tamén censurou que  a Consellaría de Política Social presuma de estar a preparar "un novo modelo de residencias", con grupos de traballo dos que forman parte "os mesmos directores dos centros que cometen as tropelías".

Finalmente, Alfonso Naia (CIG), fixo un chamamento á cidadanía para que apoie esta folga, xa que se trata, "non só dun conflito laboral, senón tamén social", dada a importancia deste servizo nun territorio "envellecido" como a Galiza.

Comentarios