Traballadoras de residencias, sobre Feixoo: "Na Galiza temos un 'Putin' que nos impide o dereito a folga"

UXT, CCOO e CIG anuncian novas mobilizacións e avanzan que recorrerán ante a Xustiza os servizos mínimos impostos pola Xunta, "na práctica de 100% do persoal", para a folga anunciada nas residencias privadas do país. Reclaman a negociación dun convenio colectivo e a actualización dos salarios a 6,5% do IPC, que non subiron a pesar de que algunhas empresas "subiron as tarifas até 80 euros mensuais".
Concentración do persoal da residencia Caser da Zapateira, na Coruña, esta quinta feira (Foto: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera Concentración do persoal da residencia Caser da Zapateira, na Coruña, esta quinta feira (Foto: M. Dylan / Europa Press).

Representantes dos sindicatos CIG, CCOO e UXT anunciaron esta sexta feira que recorrerán os servizos mínimos "abusivos" ditados pola Xunta da Galiza para a folga nas residencias privadas da terceira idade da Galiza, onde, clamaron, está a producirse un "xenocidio laboral".

Segundo explicou en rolda de prensa a representante da CIG, Transi Fernández, o Goberno galego impuxo para esta folga uns servizos mínimos "absolutamente abusivos" que, na práctica, son "de 100% do persoal" e que, por tanto, "vulneran o dereito a folga" deste colectivo. Por iso, avanzaron, recorrerán ante os tribunais esta decisión.

Paralelamente, continuarán levando polas cidades galegas as súas protestas, na medida do posíbel, con senllas concentracións ante os centros e actos como o que na noite desta quinta feira decorreu en Culleredo. Tamén están a visitar todas as residencias privadas do país, un total de 265, para informar ás e os traballadores da folga e recoller sinaturas, 5.000 até o momento.

"Non só hai un 'Putin' en Rusia, aquí tamén hai un 'Putin' que nos impide exercer o noso dereito á folga", dixo Fernández, mentres Iria Estévez, de CCOO, asegurou que estes servizos mínimos non lles van "tapar a boca". "Seguiremos saíndo á rúa para que a parte empresarial poña os pés na terra e mire para o sector", engadiu.

Un "xenocidio laboral"

O representante de UXT, Eliseo Rivas, criticou que, mentres ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, "se lle enche a boca falando dos traballadores sociais e do seu sacrificio durante a pandemia", permite que as empresas privadas estean a levar a cabo un "xenocidio laboral", "machucando os traballadores con soldos miserábeis".

Por iso, pediu a intercesión da Xunta, como responsábel última do servizo, para que "poña firme a patronal e aborde un proceso de negociación cos traballadores", dixo Rivas. Entre as reclamacións do persoal está a negociación dun novo convenio colectivo, que reclaman desde hai máis de dous anos, así como a actualización dos salarios a 6,5% do IPC que, censuran, as empresas xestoras recibiron por parte das achegas da Xunta e subindo cotas aos internos, pero que non trasladaron aos empregados.

Segundo relatou Transi Fernández, en xaneiro deste ano as empresas comunicaron ás familias dos usuarios "subas de até 80 euros mensuais" por mor do IPC, que tamén tivo reflexo nas transferencias da Xunta, pero non nos salarios. "É repugnante, está a xogarse co diñeiro dos traballadores e dos usuarios", dixo a representante da CIG, que considera á Xunta "cómplice" destas "empresas mafiosas".

Esta circunstancia agrávase, apuntou, porque se trata dun sector representado a 90% por "mulleres precarizadas" e no que consideran que, se houbese unha maioría masculina, non se estarían producindo estas situacións. Alén da cuestión salarial, as sindicalistas reclaman que se actualicen e incrementen os cadros de persoal, que manteñen unha diferenza importante a respecto das residencias públicas, o que repercute na calidade asistencial.

En concreto, Iria Estévez apuntou que as diferenzas de persoal entre pública e privada roldan as quince persoas máis nas xestionadas pola Xunta. A situación laboral nas residencias privadas, destacan, evidénciase en cuestións como a mortalidade "excesiva" rexistrada nas mesmas durante a pandemia, moi elevada en comparación coas públicas, onde "apenas houbo".

Comentarios