CIG censura a prórroga do estado de alarma sen medidas efectivas para protexer as traballadoras

A central sindical denuncia a saturación do Servizo Público de Emprego Estatal e a incerteza que paira sobre o persoal que afronta un ERTE.
Manifestación CIG-Automoción en Pontevedra (Nós Diario)
photo_camera Manifestación CIG-Automoción en Pontevedra. Imaxe de arquivo (Nós Diario)

Na xornada de hoxe someterase a votación a prórroga do estado de alarma até o día 26 de abril, proposta polo Executivo estatal. Paralelamente, o confinamento “estrito” continúa o seu curso até a vindeira segunda feira, cando parte das traballadoras que non pertencen aos denominados “servizos esenciais” poderán retornar aos seus postos.

Desde a Confederación Intersindical Galega tachan de “temeridade” a prolongación do confinamento en tanto que non se aproben medidas a nivel económico e social máis ambiciosas para paliar o efecto do parón laboral sobre as traballadoras. O sindicato tamén advirte que non se están poñendo en marcha os mecanismos para que as xa adoptadas, que consideran “cativas e inxustas”, se apliquen de forma efectiva.

O secretario xeral desta central sindical, Paulo Carril, denuncia que a facilitación de ERTES (Expediente de Regulación Temporal de Emprego) deu pé a un colapso do Servizo Público de Emprego Estatal, “incapaz de xestionar o volume de expedientes”, que imposibilita dar de alta no sistema ás beneficiarias dunha prestación. Carril baséase nos últimos datos do paro para asegurar que se actuou “sen piedade” coas traballadoras temporais, contratadas a través de Empresas de Traballo Temporal ou empresas multiservizos.

En troques dun ERTE, a CIG propuxo un permiso retribuído e a creación dun fondo público de compensación para as empresas como a solución “máis xusta para a maioría social”. Carril concreta esta medida avogando pola financiamento público a través da intervención de sectores da economía ou a modificación da carga fiscal das grandes empresas e grandes fortunas.

O secretario xeral do sindicato nacionalista tamén censura unha prórroga que non contemple a continuidade da paralización desas actividades non esenciais. “E en ausencia das medidas mínimas de seguridade para quen ten que traballar e sen un control ante a falta das mesas”, engade.

Inacción do Goberno galego

Respecto ao Executivo presidido polo popular Alberto Núñez Feixoo, o secretario xeral da CIG critica a súa delegación de funcións no Goberno estatal. Carril salienta que durante os seus mandatos, o Partido Popular “aplicou políticas de recortes e desmantelamento dos servizos públicos esenciais para favorecer o negocio de empresas privadas piratas (até o punto de que hoxe só o 25% das prazas nas residencias son públicas), tendo agora que derivar máis cartos públicos a estes sectores, ante a manifesta incapacidade das empresas para  garantir a saúde de residentes e traballadores/as”.

O secretario da CIG tamén censura a falta de protocolos claros nos supermercados ou do apoio á apertura de grandes áreas comerciais “que hoxe laminan o comercio galego” durante a emerxencia sanitaria. “Temos que recuperar o noso autogoberno e avanzar na nosa capacidade de decidir, porque a saíde desta crise non pode ser a conta de empobrecer, aínda máis, a clase traballadora”, conclúe.

Comentarios