PSA afronta a caída da produción con ERTE en Vigo e vacacións e Francia

O grupo acorda cos empregados franceses axustar as vacacións en función da situación do mercado e compensar ás traballadoras. 
PSA Peugeot Citroën en Vigo.
photo_camera PSA Peugeot Citroën en Vigo.

Esta terza feira, a dirección da factoría viguesa de PSA Citroën en Vigo anunciaba ás representantes das traballadoras a súa decisión de presentar un novo Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE), desta vez por razóns organizativas, unha vez finalizase o actual en vigor por causa de forza maior debido ao estado de alarma.

O novo ERTE faríase en dúas etapas. Unha primeira de 55 días durante 11 semanas para a recuperación progresiva da actividade, na que se irían incorporando as diferentes quendas de forma gradual, e unha segunda fase de 35 días aplicábeis até final de ano para, segundo a empresa, "afrontar a caída da produción derivada dos mercados" e unha previsíbel baixada na demanda. "Fálase dunha caída de entre 15 e 50%, e nós facemos esta previsión para unha caída estimada de 30%", apuntan desde a factoría viguesa. 

As medidas adoptadas pola multinacional na Galiza contrastan coas fixadas polo grupo en Francia, onde PSA ten a súa sede central. Alí, o grupo vén de asinar un acordo coas organizacións sindicais que representan máis de 80% das súas empregadas no país para adaptar as vacacións en función da situación do mercado como consecuencia do brote de coronavirus. 

Segundo a propia multinacional, a prioridade de PSA é protexer o seu cadro de persoal. Entre as medidas acordadas  inclúese a creación dun fondo de solidariedade dentro da empresa, que asegurará a compensación total a todas as súas empregadas en Francia durante o período de actividade parcial, unha acción que estará financiada a través da dedución de dous días de vacacións das xerentes, un día do resto de traballadoras e cunha contribución da compañía.

Comentarios