A CIG denuncia o atraso no cobro das prestacións derivadas dos ERTE

A CIG critica a falta de previsión do Goberno estatal para aliviar a grave situación que atravesan centos de miles de traballadoras afectadas por un ERTE e pide unha resposta "global" que garanta a súa protección social.
Traballadores na planta de PSA en  Vigo (PSA Group)
photo_camera Traballadores na planta de PSA en Vigo (PSA Group).

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, cualifica de “gravísima” a situación á que se enfrontan  miles de traballadores e traballadoras afectadas por Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) na Galiza, ante a demora do Servizo Estatal Público de Emprego (SEPE) na súa tramitación.

Segundo explica a central sindical nun comunicado, a día 7 de abril, rexistráronse en todo o territorio 31.828 ERTE que afectan a 202.838 traballadoras. A tardanza por parte do SEPE á hora de xestionar estes expedientes, sinala, provocará un atraso no recoñecemento do dereito a cobrar unha prestación, “o que os deixará sen ingresos até que se fagan efectivos os procedementos”.

Solución global

Neste sentido, Carril exixe que “se articulen de inmediato as medidas necesarias para evitar que se produza esta situación”, e lembra as advertencias da CIG a este respecto, un problema que se podería ter evitado “desde o primeiro momento se se recoñecese o dereito das traballadoras e traballadores a un permiso retribuído por deber inexcusábel e se articulase un fondo público de compensación para as empresas”.

"A CIG reclama unha protección social sen exclusións que garanta o emprego, os salarios e uns ingresos dignos para a clase traballadora”.

O secretario xeral da CIG cualifica a situación xerada de “caótica” e sinala as decisións “erráticas” adoptadas polo Executivo do Estado en sucesivos Consellos de Ministros. “Agora atopamos a un Goberno sobrepasado polos miles e miles de ERTE presentados e a unha clase traballadora que, máis unha vez, pagará por unha situación da que non é responsábel pola falta de previsión”.

Paulo Carril reclama unha solución global e alternativas amplas para o conxunto da clase  traballadora “en lugar da sucesión de parches” improvisados polo Goberno. Unha resposta, incide, capaz de atender as “múltiples casuísticas” nas que se atopan centos de miles de traballadoras.

Intervención dos sectores estratéxicos

Así, pide que se modifique a carga fiscal cara as empresas e as grandes fortunas ou se aposte pola intervención pública de sectores estratéxicos da economía, “hoxe en mans privadas”, para conseguir un financiamento público suficiente para enfrontar os custos das medidas extraordinarias, “de acordo cos principios de igualdade e progresividade”.

Carril destaca a necesidade de políticas públicas ao dispor das maiorías sociais, cunha dotación de recursos sobrada para manter “unha protección social sen exclusións que garanta o emprego, os salarios e uns ingresos dignos para a clase traballadora”. E pídelle a Feixoo gobernar desde “Galiza para Galiza” sen “eludir a súa responsabilidade en materias nas que ten todas as competencias”.

Cazolada

“Ante tanta incompetencia e tanta inxustiza necesitamos autogoberno, capacidade de decidir e uns Gobernos que estean á altura das circunstancias”, conlúe o secretario xeral da CIG, quen chama a participar na cazolada que o sindicato ten convocada esta sexta feira, 10 de abril, ás 12 horas, baixo a consigna #QueEscoiten

Unha protesta coa que busca demandar medidas de protección social sen discriminación entre colectivos, a garantía de que as familias teñan ingresos suficientes e que se cobren en tempo as prestacións; así como reforzar as medidas de prevención para garantir a saúde das traballadoras e traballadores dos sectores que continúan coa súa actividade.

Comentarios