Xaquín López Facal, militante da UPG torturado en 1972

"A represión en Vigo nas folgas de 1972 foi terríbel"

Xaquín López Facal facía parte da Unión do Povo Galego (UPG) en setembro de 1972. Duramente torturado polas forzas da orde pola súa participación no movemento folguista vigués daquel ano, conversamos con el ás portas do Día da Clase Obreira Galega, canda outros protagonistas daquelas xornadas, sobre as protestas dos obreiros de Vigo.

photo_camera

Que representaba o nacionalismo organizado dentro do movemento obreiro vigués á volta de 1972?

Había dúas cousas que na miña opinión tiñan certa importancia. A hexemonía no aspecto cultural levábaa o movemento nacionalista a través da Asociación Cultural de Vigo. Por outra parte, no movemento obreiro o único que había de certa importancia era en Citroën. En definitiva no aspecto obreiro cando empezou a haber xente do movemento nacionalista traballando en Citroën e nos estaleiros comezou a ter certa importancia.

Cales eran as reivindicación centrais dos folguistas de Vigo durante as protestas de setembro de 1972?

As reivindicacións fundamentais eran a defensa dos postos de traballo e principalmente polo horario da xornada laboral, ou sexa, de rematar coa explotación tremenda á que estaban sometidos. Esas eran as demandas centrais e iso de seguido calla na xente que comeza a apoialas, primeiro con tímidos paros e tímidas folgas, o que deu paso a que comezasen a despedir xente.

E a partir de aí a reivindicación xa pasa a ser que readmitan os despedidos e entón xa se converte nunha sorte de bola de neve. Porque no fondo a reivindicación non era só da Citroën ou de Barreras ou de Vulcano ou dos estaleiros. era a reivindicación da clase obreira de Vigo. Por iso tivo tanta relevancia.

Que  lembranza lle quedou na cabeza con máis nitidez daquelas grandes  mobilizacións de Vigo en 1972?

A cuestión que me quedou máis marcada foi a extraordinaria presenza terríbel de policías, gardas civís e de membros da Brigada Político Social (BPS) en Vigo. E en segundo lugar, o gran seguimento que tivo a folga que foi capaz de paralizar toda a cidade. Iso foi o máis importante de todo, paralizouse todo Vigo, non funcionaba nada absolutamente nada. E iso á que foi debido? Malia que había un enorme despregue das forzas da orde, de feito ías a facer pintadas de noite ou tirar panfletos e as filas que había daquelas chocolateiras, que nos lle chamabamos leiteiras da policía, ocupaban toda a avenida que ía a Citroën.

Aquilo era impresionante, non se vían máis que coches da policía e de noite non se podía andar pola rúa, practicamente había toque de recoller, cando saías pola rúa pois pedíanche a documentación. Había xente que non saía da casa. Non se traballaba de día, estaba todo parado, tratabas de facer manifestacións con saltos pequenos e cortes de tráfico nun e noutro sitio porque non se quería que se concentrase a policía.

Como foi a represión policial durante a folga de Vigo e nas semanas posteriores?

A represión en Vigo nas folgas do 72 foi terríbel, segundo me tocou de primeira man e despois souben por liñas indirectas completamente certas. Mandaron como torturador xefe da Brigada Político Social o responsábel da mesma en Zaragoza, un tipo de Lugo, tiña un acento galego moi fechado, un tipo brutal, daba unhas malleiras bestiais, era un sádico.E aquí evidentemente trouxeron máis xente e lle botaron unha man todo os membros da BPS de Vigo que encantados lle seguía a pauta. Durante as folgas, tentaban de cortar a cabeza a dúas cousas. Primeiro de onde saían os panfletos. E segundo, tentaban coller a quen dirixía as folgas E iso fixérono detendo xente, primeiramente a vulto, capturando a quen fixese pintadas ou tirase panfletos ou mediante as torturas, co obxectivo de saber como se organizaba a resistencia e as folgas.

"Torturáronme dunha forma brutal"

As torturas a Xaquín López Facal ocuparon páxinas na prensa das organizacións políticas clandestinas da época. Neste sentido, o partido de Facal, a UPG, aproveitou a súa experiencia para elaborar un documento titulado 'Encol das torturas na comisaría', empregado como manual interno entre a súa militancia. A este respecto, Facal sinala que “cada persoa é un mundo. No meu caso non me quedou ningún trauma, malia que me torturaron dunha forma moi brutal física e psicoloxicamente”.

Os torturadores continuaron mantendo as súas responsabilidades na policía tras a morte do ditador. Segundo Facal, eu tiven algunhas satisfaccións cando na “rúa ou nalgunha manifestación eran sinalados como torturadores” ou cando” sabes que algún deles acabou mal como Manolito Rivera, cocainómano e alcohólico e morrendo como un piollo. "Non é un satisfacción persoal, pero ves como acabaron algúns.” , sinala Facal, quen significa que " todos sabemos como foi a Transición".

Comentarios