CCOO anuncia accións xudiciais contra o presidente de Alcoa se se incumpren acordos

O sindicato considera unha “estafa” a actitude da empresa cara á planta de San Cibrao

Fábrica de Alcoa en San Cibrao, Cervo (A Mariña). (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Fábrica de Alcoa en San Cibrao, Cervo (A Mariña). (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A sección comarcal de Industria de CCOO A Mariña anuncia que emprenderá accións xudiciais contra o presidente de Alcoa, William Oplinger, "de non cumprir co acordo asinado por el mesmo" para o complexo de San Cibrao. Así, pide intervir a empresa no caso de que non se cumpran cos investimentos comprometidos.

Nun comunicado o día antes de que se reúne a mesa de seguimento do Alcoa, que terá lugar o venres en Madrid, o sindicato expresa o seu "malestar" coa empresa no que considera unha "estafa" pola actitude da compañía cara á planta de San Cibrao.

"O acordo é claro e, se Alcoa non quere levalo a cabo, debe pór até o último céntimo de euro asinado tanto en investimentos, como en mantemento de instalacións, así como no referente á masa salarial do se persoal e empresas auxiliares, e marchar", sostén. "Se non, sería claramente unha estafa ao noso entender e emprenderanse as accións xudiciais necesarias contra o máximo responsable da compañía e asinante do acordo", agrega.

A isto engade que os contratos enerxéticos a longo prazo "deben ser para o futuro da factoría e deben de quedar obrigatoriamente vinculadas á planta", "ademais de seguir no aire o Real Decreto que anunciou aos catro ventos Besteiro pero que aínda está por desenvolver, co cal de momento non ten utilidade ningunha e segue sendo un problema que o Ministerio de Transición aprobase catro días tarde as declaracións de impacto ambiental".

Por todo iso, empraza a que os gobernos deben estuden “todas as opcións e formulacións necesarias para que o Estado español e a Galiza volvan producir aluminio primario como estaba asinado e avalado polas administracións". "Pedimos que copien o exemplo de Italia e, ante a negativa de emprender investimentos comprometidos, que interveñan a empresa. Unha multinacional non pode tratar como unha colonia a un país e rirse dos seus gobernos, tanto estatal como autonómico", conclúe.

Comentarios