Varios fondos interésanse pola fábrica de Vestas en Chavín

O comité de empresa pide a multinacional que reconsidere a súa decisión de cesar a actividade o vindeiro 31 de decembro para facilitar a chegada dun comprador.
Persoal de Vestas protesta ante o edificio administrativo da Xunta en San Caetano (Foto: Arxina).
photo_camera Persoal de Vestas protesta ante o edificio administrativo da Xunta en San Caetano (Foto: Arxina).

As administracións galega e estatal intensificaron nas últimas semanas os contactos para dar cun posíbel comprador para garantir a continuidade da actividade industrial na planta de Vestas en Chavín (Viveiro).

Na reunión da mesa industrial de onte púxose en coñecemento da representación do persoal a existencia de tres fondos de investimento que xa estudan a adquisición da planta da Mariña, pero que o seu interese depende de que a factoría estea en marcha, o cal choca cos plans da empresa de fechala o próximo 31 de decembro.

Neste senso, desde o comité piden "marxe" á empresa antes de executar o expediente de regulación de emprego (ERE) ─está previsto que as cartas de despedimento comecen a chegar nos próximos días─, de modo que haxa o "tempo suficiente" para materializar a eventual venda.

"O que se solicitou hoxe e ao que accedeu tamén a empresa é a que se reúnan estes eventuais investidores cos técnicos da empresa, porque xa precisan de máis información para continuar no seu caso avanzando nunha eventual operación de compra", sinalou a conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana ao finalizar a reunión, a cuarta da mesa industrial.

Pola súa banda, o Ministerio de Industria informou de que 13 das 40 oficinas do seu organismo Invest in Spain reportaron contactos con 183 empresas, bancos e asociacións do sector renovábel en Europa, Asia e América, "onde se lles explicou as oportunidades de investimento nesta empresa". 

Protesta en San Caetano

En paralelo a este encontro, varias decenas de traballadores protestaron ante a sede administrativa do Goberno galego en San Caetano e despois ás portas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) ─onde se celebrou a reunión─ para exixir unha solución ao conflito.

O presidente do comité, David Mariño, coincide en que "a chave" está en que o 31 de decembro acábase a produción" pois "Vestas en principio di que non quere estirala máis". "E estes fondos están interesados en adquirir a fábrica en funcionamento", confrontou.

Por iso insta Vestas a que continúe a produción "o tempo suficiente para que eses fondos acaben de facer as ofertas para adquirir a unidade produtiva en funcionamento".

Comentarios