Alu Ibérica entra en fase de liquidación

A sociedade Alu Ibérica LC queda disolta e privada das facultades de administración, que recaen no administrador concursal.
Entrada á factoría de Alu Ibérica na Coruña (Foto: Arxina).
photo_camera Entrada á factoría de Alu Ibérica na Coruña (Foto: Arxina).

O Xulgado do Mercantil número 2 da Coruña acordou a apertura da fase de liquidación de Alu Ibérica LC, a sociedade que herdou a antiga planta de aluminio de Alcoa na Coruña e que agora queda disolta.

A sentenza, con data do 21 de febreiro, da que informou onte o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), suspende do exercicio das facultades de administración e disposición sobre o seu patrimonio á empresa, en concurso de acredores desde o pasado decembro.

O administrador concursal será agora o encargado de decidir o futuro tanto da planta como do resto de activos da compañía, que pola súa mala situación financeira viuse abocada á desaparición.

A maxistrada indica no auto que consta "o informe de cesamento de actividade pola administración concursal e a falta de obxeccións do debedor", polo que entende que concorren os requisitos para acordar a apertura da fase de liquidación da compañía. Con todo, a sentenza non é firme e contra ela cabe presentar recurso de apelación.

ERE extintivo

A entrada en fase de liquidación complica aínda máis o futuro da planta de Alu Ibérica na Coruña e, en especial, dos seus traballadores, aos que o administrador concursal lles comunicaba a pasada sexta feira a inminente presentación dun expediente de regulación de emprego extintivo para todo o cadro de persoal.

O comité exixiu entón á Xunta e ao Goberno central a convocatoria "urxente" da mesa industrial de Alu Ibérica. Do contrario, advertían, serían "as responsábeis e executoras" do ERE e de "traizoar aos traballadores logo de prometerlles e mentirlles con solucións".

Tamén volvía insistir na posibilidade de que a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) interviñese temporalmente as plantas para devolvelas logo ao mercado privado cun proxecto industrial de percorrido, xa que varias firmas mostraran o seu interese por facerse coas instalacións da factoría coruñesa e máis a de Avilés, na mesma complicada situación.

Comentarios