O BNG propón recoñecer os traballadores que participaron na folga de 1972 coa Medalla de Ouro de Vigo

Traballadores vigueses na folga de 1972. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Traballadores vigueses na folga de 1972. (Foto: Nós Diario)

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo propuxo no día de hoxe recoñecer coa Medalla de Ouro da Cidade de Vigo, que se entrega o vindeiro 23 de marzo, os traballadores que protagonizaron as folgas de 1972, 50 anos despois deste "fito" que supuxo situar á cidade. como o "epicentro" da loita social e un "capítulo fundamental" na historia do movemento obreiro galego.

“A proposta da Medalla de Ouro quere pór en valor a achega histórica dos vigueses que deron o mellor de si, con valentía, compromiso e determinación á hora de defender os lexítimos dereitos e intereses da maioría social”, subliñou o concelleiro de BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas.

O edil nacionalista considerou que deben ser os tres sindicatos maioritarios (CIG, CCOO e UXT) quen designen de maneira consensuada as persoas que poden recoller esta distinción en nome das ”millares de viguesas e vigueses que nese 1972 loitaron en favor de todas e todos”. 

Igrexas tamén propuxo outorgar o premio Vigueses Distinguidos á bailarina Dores André, a quen definiu como un dos "máximos expoñentes" da danza galega e primeira bailarina no ballet de San Francisco, e á Asociación Mutualista de Residentes de Vigo en Bos Aires, a única entidade que leva o nome da cidade na diáspora.

Premio Vigueses Distinguidos

A proposta do BNG de Vigo para estas dúas condecoracións fíxose pública o mesmo día no que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, deu a coñecer precisamente tres novas propostas para a concesión dos Vigueses Distinguidos 2022. En concreto, o escritor Domingo Villar, a Escola Oficial de Idiomas e a U.D. Santa María.

Caballero desvelara previamente a entrega do premio aos centros educativos vigueses que celebran o seu 50 aniversario: Colexio Plurilingüe Don Bosco Salesianas Vigo, CEIP Ría de Vigo, CEIP San Salvador de Teis e CEIP Eduardo Pondal.

Tamén recibirá o premio Antón Costas Comesaña, presidente do Consello Económico e Social de España, así como as Asociacións Culturais e Veciñais de Valladares, que cumpre 50 anos, e o Centro Alborada, que cumpre 40 anos.

Comentarios