Os premios 8 e 10 de marzo recoñecen a loita da clase traballadora galega

Con estes recoñecementos a central nacionalista pretende visibilizar o valor da mobilización para o avance nos dereitos e na mellora das condicións de vida da clase traballadora.
A secretaria de Mulleres na CIG, Nicolasa Castro, ecoñece a loita das traballadoras da UCI do Hospital Clínico de Santiago. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A secretaria de Mulleres na CIG, Nicolasa Castro, ecoñece a loita das traballadoras da UCI do Hospital Clínico de Santiago. (Foto: Nós Diario)

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, aproveitou onte a cerimonia de entrega do Premio 8 de Marzo á loita desenvolvida polo persoal da UCI de persoas Adultas do Hospital Clínico de Santiago, e o Premio 10 de Marzo á do persoal da fábrica IKF da Guarda para destacar as "estremas e adversas circunstancias" nas que se dá sempre a loita da clase traballadora.

Salvando as distancias cos sucesos na comarca de Ferrol e o contexto de hai 50 anos, o representante sindical puxo a atención no momento histórico actual "de importantes conflitos e de grandes e profundos cambios que a pandemia acelerou nunha dirección non precisamente en favor da xustiza social e a soberanía dos pobos".

Carril, que fixo entrega don Premio 10 de Marzo, recoñeceu a loita dos traballadores e traballadoras da fábrica IKF da Guarda, que levaron adiante 76 xornadas de folga en rexeitamento á dobre escala salarial que a empresa pretendía prolongar no tempo. Un conflito duro "no que o cadro de persoal deu unha auténtica lección de unidade, determinación e solidariedade obreira", valorou.

Pola súa parte, a secretaria confederal das Mulleres, Nicolasa Castro, foi a responsábel de facer entrega do Premio 8 de Marzo, que a CIG outorgou á loita desenvolvida polo persoal UCI de persoas Adultas do Hospital Clínico de Santiago. Durante perto de cinco meses, o persoal, formado maioritariamente por mulleres, levou adiante unha folga indefinida e ducias de mobilizacións cunha "vontade inquebrantábel" que "obrigou o Sergas a asinar un acordo de melloras nas infraestruturas, de formación e para o funcionamento da unidade". 

Dignificar os coidados

Castro salientou que "a pandemia puxo o foco nas deficiencias da atención ás persoas que precisan dos coidados, nas súas casas, en centros residenciais ou hospitais" e lembrou que, desde hai uns anos, a CIG vén impulsando unha serie de campañas dirixidas a dignificar os traballos de coidados porque "os traballos feminizados seguen sendo sinónimo de oficios precarios, nos que se perciben os peores salarios, con peores condicións laborais e, moitas veces, en situacións de acoso".

Con estes recoñecementos a central nacionalista pretende visibilizar o valor da mobilización para o avance nos dereitos e na mellora das condicións de vida da clase traballadora, nun ano ademais, no que se conmemora o 50 aniversario das loitas obreiras de 1972, motivo polo que o acto se trasladou a Ferrol.

Comentarios