O aumento das afiliacións á Seguridade Social na Galiza sitúase por baixo da media estatal

Segundo cifras do Goberno español, os traballadores en expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción (ETOP) situáronse ao finalizar abril en 1.075 no conxunto da Galiza.
Traballo de soldadura eléctrica nun taller. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Traballo de soldadura eléctrica nun taller. (Foto: Nós Diario).

Nos últimos 12 meses, o número de afiliacións á Seguridade Social na Galiza subiu en 16.318 persoas, 1,58% máis que en abril de 2022. Con todo, os ascensos de afiliación galegos sitúanse por baixo da media estatal, con 1,17% máis de evolución intermensual e 2,98% da interanual.

En concreto, no mes de abril, a Seguridade Social gañou 6.784 novos cotizantes en abril no país, o que supón 0,65% máis respecto a marzo, segundo datos publicados esta quinta feira polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. Así, o total de cotizantes na Galiza sitúase en 1.050.315.

Por réximes, 824.658 afiliados correspóndense ao réxime xeral -dos cales 5.880 correspóndese co sector agrario e 24.128, co do fogar-, mentres que outros 205.849 son autónomos e 19.807 son traballadores do réxime do mar.

Ademais, segundo cifras do Ministerio, os traballadores en expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción (ETOP) situáronse ao finalizar abril no país en 1.075.

Contratos temporais

O número de persoas desempregadas rexistradas nas oficinas dos servizos públicos de emprego da Galiza baixou en 2.504 persoas en abril, o que supón un descenso do 1,77% en comparación con marzo.

A pesar diso, en canto á tipoloxía das contratacións, en abril de 2023, asináronse na Galiza un total de 51.657 contratos, dos cales a maioría (32.136) foron de carácter temporal e o resto (19.521), indefinido.

En canto ao desemprego entre o colectivo de estranxeiros, situouse en 10.837 persoas en abril de 2023 -o 7,78% do total-. De todos eles, 6.146 encádranse no sector servizos, 640 na industria, 599 na agricultura e a pesca, e 539 na construción.

Datos estatais

En abril, e segundo datos do conxunto do Esatdo, rexistráronse 1.157.316 contratos, 20,2% menos que no mesmo mes de 2022. De todos eles, 530.537 foron contratos indefinidos, cifra 24% inferior á de abril de 2022.

En total, o 45,84% dos contratos realizados en abril foron indefinidos, porcentaxe un punto inferior ao rexistrado en marzo, cando a proporción de contratos fixos foi do 46,82%.

Do total de contratos indefinidos subscritos en abril, 224.308 foron a tempo completo, 21,2% menos que en igual mes do ano pasado; 185.315 eran contratos fixos-descontinuos (-22,4%) e 120.914 eran contratos indefinidos a tempo parcial (-31%).

Comentarios