60% de traballadoras do fogar desenvolven a súa actividade na economía somerxida

Son datos difundidos pola CIG, que reclama "dignificación laboral".
#casa #aspiradora #limpeza (Foto: Nós Diario)
photo_camera "Non temos ningunha forma de contrastar que tipos de traballos se están facendo nin que garantías de saúde ten a traballadora que está nun domicilio particular", denuncia Transi Fernández, da CIG. (Foto: Nós Diario)

Actualmente na Galiza hai 24.300 persoas traballadoras do fogar. Case a totalidade son mulleres, e delas, aproximadamente 25% son migrantes. Así o indicou a secretaria das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, nunha rolda de prensa decorrida esta cuarta feira en Compostela no marco do Día Internacional das Traballadoras do Fogar. Nela tamén participaron Teresa Rodríguez Vilaseco, en representación de Xiara (Asociación de Traballadoras do Fogar), e Transi Fernández, secretaria nacional da CIG-Servizos, e analizouse a situación que viven as empregadas do fogar, así como as súas demandas.

A cifra referida ao total de traballadoras do fogar, 24.300, "é só o rexistro oficial dos datos da Seguridade Social, mais non é de real pois sabemos que 60% [delas] traballan na economía somerxida", asegurou Vilaseco, co que a cifra chegaría ás 60.000. Nesta liña, Fernández engadiu que "a situación que viven as empregadas do fogar é unha coadeira da economía somerxida que levamos padecendo moitos anos". Así, asegurou que a CIG conta con numerosas afiliacións de mulleres que traballan "unha hora limpando un portal, outra nunha oficina e, para compensar o seu traballo, prestan servizo nos domicilios particulares". 

Fernández sostén que estas empregadas son as primeiras en detectar a diferenza existente entre o traballo na empresa privada e o traballo nos fogares nos que unha persoa contrata os seus servizos para limpar a casa ou coidar de crianzas ou de maiores dependentes. “Non temos ningunha forma de contrastar que tipos de traballos se están facendo nin que garantías de saúde ten a traballadora que está nun domicilio particular”, sostén Fernández. Isto débese a que a Inspección de Traballo argumenta que non pode entrar nunha casa para desenvolver ese traballo de vixilancia.

Nicolasa Castro, Teresa Rodríguez Vilaseco e Transi Fernández na rolda de prensa, onte en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
Nicolasa Castro, Teresa Rodríguez Vilaseco e Transi Fernández na rolda de prensa, esta cuarta feira en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)

As traballadoras internas, as máis vulnerábeis

Tanto Castro como Fernández aseguran que as traballadoras internas son as que se encontran nunha situación máis vulnerábel dentro do sector. Así, denuncian que en moitas ocasións os domicilios dos contratadores non ofrecen situacións decentes para as traballadoras, que dormen en cuartos moi reducidos ou que teñen dificultados para o aseo ao non poder acceder ao baño do fogar. “Isto pasa moito coas traballadoras migrantes en situación irregular, que se ven explotadas e cobran cantidades irrisorias”, asegura Fernández. Por este motivo, unha das principais reivindicacións de Xiara é a regularización da situación destas mulleres, pois “están cubrindo unha necesidade social”, mantén Vilaseco. Así, a CIG critica esta “eiva” derivada da privatización dos servizos públicos.

Castro lembra que o pasado ano produciuse unha serie de “feitos importantes” para a mellora das condicións do colectivo, como a ratificación polo Goberno español en xuño de 2022 do convenio 189 da Organización Internacional do Traballo ou a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de febreiro do mesmo ano en que se lle deu a razón a unha traballadora do fogar que pedía ter dereito á prestación por desemprego. “Nesta sentenza, o Tribunal considera que existe unha discriminación indirecta por razón de sexo ao non outorgar os mesmos dereitos ás traballadoras do fogar que aos demais profesionais”, asegura.

Actualmente, no traballo do fogar segue a existir un tipo de despido por desestimento, que non necesita unha causa concreta, explica Vilaseco; “é unha 'coadeira' para despedir de forma libre”. Neste sentido, Transi Fernández asegura que á CIG chegan “moitas mulleres migrantes que denuncian que foron despedidas porque [os empregadores] desestiman os seus servizos porque xa non confían nelas”. Outra mostra de que “a realidade do sector está cada vez máis precarizada”, conclúe.

"Cobramos o mínimo facendo grandes esforzos"

Pilar Sierra, empregada no fogar, explica a Nós Diario que, se ben na actualidade está moi satisfeita coa súa situación, tivo traballos moi duros. “Chegaron a obrigarme a recuperar horas que perdera por ir ao médico, e iso é ilegal”, asegura. Segundo a súa experiencia, Sierra mantén que existen moitos abusos neste sector pois, ao desenvolverse en domicilios particulares, hai unha gran falta de inspección. “Eu fixen labores que non me correspondían e usei produtos [de limpeza] agresivos porque, como empregada, teño que facer o que me mandan”.

Sierra denuncia a invisibilización do traballo no fogar e as malas condicións laborais das traballadoras, polo que reclama “ter os mesmos dereitos que os demais” así como “un soldo digno”, dado que “sempre cobramos o mínimo facendo moitos máis esforzos, tanto físicos como psicolóxicos”.

Comentarios